CITIC
GNIGHT

O CITIC participa na G-NIGHT con actividades divulgativas

20/09/2021 – CITIC

O vindeiro venres 24 de setembro terá lugar a G-NIGHT, Noite Galega das Persoas Investigadoras, un evento de divulgación científica que se celebra de forma simultánea en toda Europa, dentro da Noite Europea das Persoas Investigadoras. En Galicia a actividade está coordinada pola Universidade de Vigo, coa implicación das tres universidades galegas e diferentes centros e institutos tecnolóxicos e de investigación. Na UDC o proxecto é coordinado pola Unidade de Divulgación Científica e contribúen todos os centros de investigación (CITIC, CICA, CITEEC e CIT) e os campus de especialización: Innova, Sustentabilidade e Industrial.

O CITIC toma parte no evento con visitas guiadas ao Demostrador Tecnolóxico, dirixidas tanto a estudantes de secundaria e bacharelato como ao público xeral. O Demostrador Tecnolóxico do CITIC, recentemente inaugurado, é unha sala de divulgación da actividade investigadora, de innovación e de transferencia realizada no centro. Trátase dun espazo único na Comunidade, que ten a finalidade de contribuír á formación de estudantes e persoal investigador e fomentar a diseminación do coñecemento xerado e a difusión das tecnoloxías á contorna social e económica.

As visitas guiadas ao Demostrador Tecnolóxico do CITIC, cuxa asistencia é gratuíta, terán lugar o venres 24 de setembro nos seguintes horarios:

Ademais, os/as investigadores/as do CITIC Paula Castro, Adriana Dapena, Daniel Iglesia, Óscar Fresnedo e Francisco Vázquez organizan o obradoiro familiar Como sería a nosa vida sen os circuítos eléctricos?, que se celebrará no MUNCYT A Coruña.