CITIC
gnight_1

O CITIC participa na G-NIGHT con actividades divulgativas para achegar a ciencia á cidadanía

29/09/2022 – CITIC

O CITIC participará un ano máis na G-NIGHT, a Noite Europea das Persoas Investigadoras, que se celebra este venres 30 de setembro. No CITIC realizarase unha visita divulgativa polas instalacións do centro, con énfase no Demostrador Tecnolóxico e no Laboratorio de Realidade Virtual e Localización, onde os/as asistentes poderán probar diferentes desenvolvementos de realidade virtual, realidade aumentada, robótica, etc.

Ademais da visita polas instalacións do CITIC, celebraranse outras dúas actividades coordinadas por persoal investigador do centro no MUNCYT Coruña. O sábado ás 10:30 h terá lugar un taller sobre circuítos eléctricos no que nenos e nenas de 8 a 12 anos poderán aprender conceptos básicos de electrónica e crearán circuítos eléctricos para acender lámpadas, facer funcionar unha radio e un xogo. A actividade está desenvolvida por Adriana Dapena, Paula M. Castro, Daniel I. Iglesia e Óscar Fresnedo.

Pola súa banda, Laura Nieto e Patricia Concheiro organizan o sábado a partir das 12:00 h unha charla-taller sobre tecnoloxías dixitais para persoas maiores, centrándose en como potenciar un envellecemento activo e saudable. A actividade está dirixida a persoas maiores que estean interesadas no uso da tecnoloxía, así como a familiares, coidadores/as, etc. que queiran coñecer as ferramentas e recomendacións para achegar a tecnoloxía á poboación maior dunha maneira satisfactoria.

A G-NIGHT é un evento de divulgación científica que se celebra simultaneamente en toda Europa o último venres de setembro, no que o persoal investigador é o protagonista, amosando a diversidade da ciencia e a tecnoloxía e o seu impacto na vida cidadá. En Galicia, a actividade está coordinada pola Universidade de Vigo, coa implicación das tres universidades galegas e diferentes centros e institutos de investigación, etc. Na UDC, coordina a Unidade de Divulgación Científica, e contribúen todos os centros de investigación e os campus de especialización (Innova, Sustentabilidade e Industrial).