CITIC

O CITIC participa na G-NIGHT ofrecendo diversas actividades relacionadas coa investigación e a tecnoloxía

03/10/2023 - CITIC

O pasado venres 29 de setembro tivo lugar a G-NIGHT, a Noite Galega das Persoas Investigadoras, un evento de divulgación científica que se celebra de forma simultánea en toda Europa.

O CITIC formou parte do evento ofrecendo unha xornada de portas abertas dirixidas a estudantes de secundaria e bacharelato. Neste caso, 19 alumnos e alumnas do IES Ortigueira, puideron gozar dunha visita guiada polas instalacións do centro probando diversos dispositivos tecnolóxicos e coñecendo as súas salas relevantes como o Demostrador Tecnolóxico, a sala de Realidade Virtual e o Laboratorio de Robótica.

Durante a tarde, os investigadores do CITIC, Thais Pousada García, Manuel Lagos Rodríguez, Patricia Concheiro Moscoso e Eva Pardo Otero, dirixiron na Praza María Pita da Coruña un taller sobre tecnoloxías 3D para persoas con discapacidade. Alí presentaron produtos e tecnoloxías de apoio en 3D e de baixo custo enfocadas a mellorar a vida de persoas con discapacidade, entre os que destacaron escenarios de realidade virtual e creacións que levaron a cabo a través do proxecto Talentos Inclusivos. Ademais, ás 19:20, Thais e Manuel impartiron unha breve charla sobre os escenarios de realidade virtual aplicados a persoas con discapacidade e sobre desenvolvementos para a plataforma Optitrack.

Ao día seguinte, durante a mañá do sábado, varios investigadores do CITIC, Paula Mª Castro Castro, Adriana Dapena Janeiro, Óscar Fresnedo Arias e Daniel I. Iglesia Iglesias ofreceron no MUNCYT un taller sobre circuítos electrónicos para mozos inventores de entre 6 e 10 anos. Os asistentes puideron aprender conceptos básicos de electrónica e a súa aplicación para o día a día, ademais de pequenas curiosidades relacionadas co electromagnetismo.