CITIC
GuiaASEM3

O CITIC participa na Guía de Recursos para Persoas con Enfermidades Neuromusculares publicada pola Federación ASEM

24/11/2022 – CITIC

O pasado 15 de novembro, coincidindo co Día Nacional das Enfermidades Neuromusculares, a Federación ASEM presentou a Guía de Recursos Sociosanitarios e Educativos para Persoas con Enfermedades Neuromusculares, que contou coa participación de investigadoras do CITIC lideradas por Thais Pousada. Trátase dunha versión actualizada e ampliada da guía realizada en 2013, e xorde da necesidade de ofrecer información máis completa e adaptada a un formato dixital para facilitar a procura de recursos.

No acto, que tivo lugar de forma online, interviñeron o presidente e a vicepresidenta de ASEM, Manuel Rego e Laura Sánchez, respectivamente; a traballadora social e autora da guía, Paula Sánchez; e a investigadora do CITIC e tamén autora do documento, Thais Pousada.

A guía inclúe diferentes elementos de apoio e de referencia nos ámbitos sanitario, social e educativo, de interese tanto para as persoas afectadas por enfermidades neuromusculares e as súas familias como para profesionais sociosanitarios/as e a poboación xeral, sendo unha importante ferramenta de sensibilización e concienciación das dificultades ás que se enfrontan as persoas con este tipo de enfermidades e as súas familias, identificando barreiras e proporcionando ferramentas de mellora da súa calidade de vida.

As investigadoras do CITIC achegaron asesoramento e desenvolvemento técnico para a elaboración da guía, o que constitúe un exemplo de transferencia de resultados da investigación ao sector sociosanitario.