CITIC

O CITIC participa no décimo aniversario da LaconNetwork - Startup Congress Galicia

26/05/2021 – CITIC

O 27 e 28 de maio terá lugar de modo online a décima edición da Startup Congress Galicia, feira de empresas emerxentes coñecida como LaconNetwork. O CITIC terá presenza neste evento acollendo o taller “Innovation Readiness” que se celebrará este xoves, 27 de maio ás 10:45 horas na sala GAIN do congreso.

A presentación correrá a cargo do director do CITIC, Manuel F. González Penedo, e a coordinadora do grupo de Competencia e Desenvolvemento da UDC, Emma Iglesias. O taller estará impartido polos profesores da UDC e directores do Máster en Innovación e Estratexia Dixital da Empresa, Andrés Faíña e Antonio García Lorenzo, quen presentarán conceptos crave en estratexia competitiva e o Lean Startup como cambio na xestión empresarial da innovación.

Neste taller tamén participarán membros do CITIC. Así, Manuel Bustabad e Susana Ladra presentarán a iniciativa “Welcome Tomorrow Challenge”, organizada polo CITIC, a empresa Kelea e o Máster en Innovación e Estratexia Dixital da UDC. Por outra banda, presentaranse casos de éxito de spin-off xurdidas da UDC, como Torusware e PhotoILike, ambas promovidas por investigadores do CITIC.

Por último, estudantes do Máster en Innovación e Estratexia Dixital compartirán as súas experiencias no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos, desde a súa preparación ata a fase final de saída e desenvolvemento no mercado.

O congreso contará cun nutrido número de conferencias, mesas de debate, talleres e roldas de contactos. Medio centenar de investidores, unha decena de aceleradoras, 400 empresas emerxentes e emprendedores, 20 corporacións e unha trintena de relatoras daranse cita na feira, unha das máis importantes do momento no sector. O xoves haberá talleres prácticos e o venres será a quenda das conferencias. Todos os vídeos poderán seguirse a través da web de La Voz de Galicia.

Programa completo