O CITIC participa no I Congreso de Innovación Educativa e Dixital co proxecto Talentos Inclusivos
12/05/2022 – CITIC
Os días 10 e 11 de maio tivo lugar o I Congreso de Innovación Educativa e Dixital, DixInnova 2022, no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Santiago. O CITIC presentou o proxecto Talentos Inclusivos, xunto con ASPACE Coruña, ao profesorado e alumnado de centros educativos de toda Galicia.
O investigador principal e a responsable do proxecto Talentos Inclusivos, Javier Pereira e Ainhoa Molinero respectivamente, xunto coa responsable por parte de ASPACE Coruña, Iria Robles, impartiron un total de 5 talleres nos que explicaron o proxecto e os seus obxectivos, ademais de achegar o traballo realizado con micro:bit e scratch. Tamén expuxeron algúns dos retos tecnolóxicos desenvolvidos no marco do proxecto, dirixidos a persoas con diversidade funcional, que se basean no traballo dual, a través do que se pretende a mellora das capacidades cognitivas ao mesmo tempo que se realiza exercicio físico.
O I Congreso de Innovación Educativa e Dixital estivo promovido pola Xunta de Galicia a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación de Galicia (CAFI) da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O programa contou con conferencias e talleres de diferentes temáticas como a robótica, a impresión 3D, a realidade virtual, etc. Ao redor de 700 docentes de centros de ensino infantil, primaria e secundaria acudiron á xornada do martes 10 de maio, mentres que a xornada do mércores dirixiuse ao alumnado de todos os niveis educativos.