CITIC
HERIT_WEB2

O CITIC participa no proxecto europeo HERIT

26/07/2021 – CITIC

Un grupo de investigadores do CITIC dirixidos por Laura Nieto Riveiro, xunto co CUFIE e o Grupo de Estudos Territoriais (GET) da UDC, forma parte do grupo de 7 entidades europeas que participan no proxecto HERIT.

HERIT ( Heritage Efficient management through Relevant IT use) é un proxecto financiado polo programa Erasmus+ e ten como obxectivo apoiar e impulsar a preparación en materia de educación dixital dos/ as propietarios/ as de casas históricas, axudándolles a facer fronte ao impacto da situación derivada da pandemia do COVID-19 no turismo cultural, así como potenciar a importancia das casas históricas de propiedade privada e a súa crucial contribución ao patrimonio cultural europeo.

O elemento central de HERIT é a creación dun curso en liña masivo e aberto (MOOC) destinado especificamente aos/ as propietarios/ as de casas históricas. As principais finalidades do curso son dotarlles de habilidades e coñecementos adecuados para manter os seus edificios históricos en materia de desenvolvemento empresarial, competencias dixitais, marco normativo e xurídico…., así como mellorar a súa experiencia no uso de ferramentas dixitais.

O pasado mes de xuño tiveron lugar as reunións de inicio do proxecto, que terá unha duración de 24 meses.