CITIC
encontrosTIC2021

O CITIC participa nos Encontros con Profesionais TIC organizado pola AMTEGA e o CPEIG

03/11/2021 – CITIC

O subdirector do CITIC, Javier Pereira, a investigadora Susana Ladra e o responsable de Sistemas, Alejandro Mosteiro, participaron nos Encontros con Profesionais TIC, actividade enmarcada no convenio de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG) para a posta en marcha de actividades para o fomento da sociedade dixital.

Realizáronse un total de 20 encontros, de forma online, entre profesionais do ámbito do TIC e nenos e nenas de 6 a 18 anos.

O subdirector Javier Pereira ofreceu o venres 29 de outubro a charla “A informática como facilitadora da igualdade de oportunidades”, na que achegou o traballo realizado ao redor do proxecto Talentos Inclusivos. Esta iniciativa está desenvolvida polo CITIC e ASPACE Coruña e ten o fin de fomentar as vocacións TIC entre estudantes de secundaria e bacharelato, ademais de visibilizar a diversidade funcional, a través de grupos de traballo colaborativos formados por usuarios e usuarias de ASPACE Coruña e estudantes de secundaria e bacharelato, para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.

Pola súa banda, a investigadora do CITIC e directora do Campus Innova da UDC, Susana Ladra, formou parte do encontro “Oíches falar da Intelixencia Artificial?”, que tivo lugar o mércores 20 de outubro. Na charla, abordou as posibilidades das TIC e, en concreto, a intelixencia artificial, para sensibilizar aos nenos e nenas sobre a súa importancia.

Finalmente, o responsable da área de Sistemas do CITIC, Alejandro Mosteiro, expuxo o 28 de outubro a charla “Traballar no CITIC”, na que presentou o centro e as súas capacidades e comentou as funcións principais do seu traballo, explicando a súa formación e traxectoria, e centrándose na xestión do Centro de Proceso de Datos (CPD) e a administración das infraestruturas no CITIC. Tamén amosou aos asistentes unha visita virtual polo Demostrador Tecnolóxico, un espazo dedicado á exhibición da actividade investigadora que se realiza no centro.