O CITIC participa nun proxecto para apoiar o patrimonio histórico europeo
24/05/2022 – CITIC
- O CITIC acolleu unha xornada de traballo do proxecto europeo HERIT, que ten o fin de promover a educación dixital de persoas propietarias de casas históricas.
- O centro aporta a súa experiencia para o deseño dun curso en liña e asesora en aspectos relacionados coa innovación dixital e o desenvolvemento tecnolóxico.
O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña foi o punto de encontro de entidades europeas que buscan impulsar a educación dixital de propietarios/as privados/as de casas históricas, poñendo de relevo a contribución destes edificios no turismo e patrimonio cultural europeo. Este é o obxectivo do proxecto HERIT: Heritage Efficient management through Relevant IT, no que participa o CITIC xunto co CUFIE, o Grupo de Estudos Territoriais da UDC e outras seis entidades europeas, e que está financiado polo programa Erasmus+.
No marco desta iniciativa, estase a crear un curso en liña masivo e aberto (MOOC) destinado ás persoas propietarias de casas históricas, para dotalas de habilidades e coñecementos axeitados para manter os seus edificios históricos en materia de desenvolvemento empresarial, marco normativo e xurídico, etc. O CITIC está a xogar un papel importante no deseño e desenvolvemento deste MOOC, grazas á súa experiencia neste tema, e tamén asesora en aspectos relacionados coa innovación dixital e o desenvolvemento tecnolóxico.
A investigadora Laura Nieto lidera o grupo de investigadores/as do CITIC que participan no proxecto. O consorcio está formado por outras seis entidades de cinco países europeos diferentes: European Landowners’ Organization e European Historic Houses de Bélxica, Asociace Majitelů Hradů a Zámků de República Checa, Invasioni Digitali de Italia, a Université Paul-Valéry Montpellier de Francia e On Projects de España.
A reunión deste martes 24 foi inaugurada polo director do CITIC e catedrático de IA na UDC, Manuel F. González Penedo, que destacou “a proxección internacional do centro, que se exemplifica na participación no proxecto HERIT” e incidiu en “como a tecnoloxía pode axudar a potenciar o patrimonio histórico europeo, neste caso a través da formación e a dixitalización de contidos”. Posteriormente, o coordinador do proxecto, Daniel Monteleone, da European Landowners’ Organization, explicou a axenda da xornada, na que se traballou na dinámica e contidos do curso, configurado para axudar a propietarios/as de casas históricas a facer fronte ao impacto da pandemia no turismo cultural.