CITIC
Maker Faire

O CITIC participará na Maker Faire Galicia presentando dous proxectos e organizando unha mesa redonda e un hackathon

19/05/2022 – CITIC

O CITIC participará, un ano máis, na Maker Faire Galicia, a maior da península, tanto en número de xornadas como en asistentes e proxectos presentados. Esta edición, que se desenvolverá do 1 ao 5 de xuño, contará cun variado programa e a participación de especialistas en distintas áreas de coñecemento que compartirán contidos e proxectos relacionados coa innovación social e cultural, a innovación educativa e a innovación empresarial. Un punto de encontro para a creatividade e o talento cuxo programa se dividirá en tres bloques: xornadas da industria (1 e 2 de xuño), xornada educativa (3 de xuño) e xornadas abertas (4 e 5 de xuño).

O CITIC participará presentado dous proxectos, organizando unha mesa redonda sobre o seu proxecto Talentos Inclusivos e un hackathon de tecnoloxías de apoio:

ROBOT ASISTENTE PARA A REHABILITACIÓN DA MARCHA EN PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL

Autor: Manuel Lagos, en colaboración con profesionais e usuarios  de ASPACE Coruña.

Descrición: O robot é capaz de asistir a persoas con diversidade funcional nas súas sesións terapéuticas de rehabilitación. En concreto, o robot realiza un roteiro, previamente programado por un terapeuta, de modo que o usuario deberá seguilo coa finalidade de completar o devandito percorrido. Durante a execución do percorrido, o robot detectará a posición do usuario, adaptando a súa velocidade ao paso do mesmo. Para o desenvolvemento deste proxecto utilizouse un robot TurtleBot3 e o framework para aplicacións robóticas ROS. Así mesmo, implementouse un sistema SLAM de navegación para executar o roteiro deseñado.

PICTOCAL

Autores:  Francisco Laport, Paula Castro e Adriana Dapena.

Descrición: PictoCal é unha aplicación web deseñada e desenvolvida para que familias, educadores e terapeutas poidan elaborar calendarios que resulten atractivos a nenos e persoas con diversidade cognitiva. Os calendarios utilizan fotos, pictogramas ou descricións sinxelas, de forma que os usuarios poidan identificar facilmente a tarefa para realizar. Trátase dunha plataforma con alta demanda por parte das entidades que traballa con persoas con diversidade cognitiva, xa que actualmente esta tarefa realízase manualmente. O acceso á páxina web é aberto e gratuíto, previo rexistro.

MESA REDONDA: TALENTOS INCLUSIVOS

Relatores:

  • Javier Pereira Loureiro, subdirector do CITIC e coordinador do proxecto.
  • Jesús Spósito, Secretario do Consello Social da Universidade da Coruña.
  • Carlos Rodríguez, usuario de ASPACE Coruña e membro dun equipo de traballo do proxecto.
  • Manuel F. González Penedo, director do CITIC e catedrático de IA na UDC.
  • Patricia Hermida Galán, profesora do IES de Ortigueira.

Data: 3 de xuño de 2022, de 12:45 a 13:30 horas, de modo presencial.

HACKATHON DE TECNOLOXÍAS DE APOIO

Este hackathon, organizado polo CITIC, ASPACE Coruña, ONCE e COGAMI, consistirá na resolución dun reto co obxectivo de facilitar e mellorar o día a día das persoas con diversidade funcional. 

Data: Do 1 ao 5 de xuño durante a Maker Faire Galicia 2022, tanto en liña como presencial.