CITIC

O CITIC promove un convenio de colaboración entre a UDC e COGAMI

08/04/2019

  • Levaranse a cabo proxectos conxuntos de avaliación e desenvolvemento das TIC aplicadas ao ámbito da discapacidade e a accesibilidade.
  • As dúas principais liñas de actuación céntranse nos ámbitos da domótica e da tecnoloxía de impresión 3D.

A Coruña, 8 de abril de 2019.- O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña promove un convenio de colaboración entre a UDC e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) para a posta en marcha de proxectos conxuntos de avaliación e desenvolvemento das TIC aplicadas ao ámbito da discapacidade e a accesibilidade. Dende o CITIC, en colaboración cos profesionais e usuarios de COGAMI, levaranse a cabo proxectos de investigación que fomentan o uso das TIC para mellorar a súa participación e autonomía a través de solucións baseadas nos principios do deseño universal e centrado nas necesidades e capacidades dos usuarios.

Durante a sinatura do acordo, o director do CITIC, Manuel F. González Penedo, indicou que no centro se está a traballar na creación dunha sala de demostradores tecnolóxicos, na que se simulará un espazo de vivenda doméstica. Aquí se instalarán diferentes elementos de domótica e outros servicios TIC domésticos como asistentes por voz ou realidade virtual. Así, en colaboración con COGAMI e a Facultade de Ciencias da Saúde da UDC, estes servicios serán testeados e acondicionados para mellorar o seu grao de accesibilidade e definir adaptacións funcionais.

Outra liña de colaboración ten por obxectivo avaliar e desenvolver adaptacións mediante a tecnoloxía de impresión 3D. Esta tecnoloxía está revolucionando o campo das próteses e órteses, xa que permite unha maior personalización e adaptación das necesidades específicas de cada persoa. Dende o CITIC traballarase no deseño e nas probas de funcionamento dos elementos creados.

O reitor da UDC, Julio Abalde, destacou durante a firma do convenio que este acordo facilitará a colaboración entre ambas entidades, e pretende ser a base para o desenvolvemento de proxectos conxuntos que teñan un impacto directo na vida das persoas.

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade de A Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.