CITIC

O CITIC recibe a visita do alumnado de Espazo Compartido da UDC

14/02/2024 - CITIC

O alumnado do programa Espazo Compartido da Universidade da Coruña visitou este 14 de febreiro as instalacións do CITIC. Un total de 16 estudantes, acompañados de tres profesores, coñeceron o Centro de Investigación en TIC da man dos investigadores Manuel Lagos e Thais Pousada, quen ademais coordina desde o ano 2020 este programa de formación para mozos e mozas con discapacidade cognitiva.

Os estudantes visitaron o Demostrador Tecnolóxico e os laboratorios de impresión 3D e de Realidade Virtual, ao igual que xa fixeron outros alumnos de Espazo Compartido en edicións anteriores.

En palabras de Thais Pousada, directora académica do programa Espazo Compartido, “este tipo de iniciativas son fundamentais para avanzar na inclusión. É importante que poidan coñecer de primeira man un entorno real de traballo, onde ademais se desenvolven tecnoloxías que axudan a mellorar a vida das persoas con discapacidade”.

O proxecto

Espazo Compartido é un programa promovido pola Universidade da Coruña de formación en habilidades persoais, sociais e competencias básicas, para a empregabilidade e o fomento da inclusión laboral de mozas con discapacidade cognitiva. Trátase dun proxecto que nace coa pretensión de abrir o espazo universitario a colectivos que non poden acceder ás canles de formación ordinarios debido ás importantes barreiras de acceso do sistema educativo. Espazo Compartido é unha aposta pola responsabilidade social universitaria, unha mostra do compromiso da Universidade da Coruña coa sociedade e co dereito a unha formación digna e en igualdade de condicións.

Obxectivos

Espazo Compartido é un proxecto pioneiro no sistema universitario autonómico e un dos primeiros a nivel nacional. O seu obxectivo principal é incluír a persoas con discapacidade cognitiva no espazo formativo universitario. O programa pretende, en última instancia, que os estudantes avancen na construción dunha autopercepción positiva e dun proxecto de vida que lles permita desenvolverse de maneira autónoma.