CITIC
entrega premio

O CITIC recibe o Recoñecemento á Inclusión en Galicia

21/10/2022 – CITIC

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña recibiu este venres 21 de outubro o Recoñecemento á Inclusión en Galicia nun evento organizado pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e a Fundación Integralia DKV, que tivo lugar no Centro Sociocultural Ágora da Coruña.

Os galardóns recoñecen o compromiso de particulares, empresas, centros especiais de emprego e institucións que contribúen día a día á inclusión sociolaboral das persoas con discapacidade en Galicia. Concretamente, o CITIC, a través do seu subdirector, Javier Pereira, recibiu a distinción na categoría “Administración con Alma”. Pereira no seu discurso de agradecemento afirmou: “ No CITIC, como centro de investigación no ámbito tecnolóxico, buscamos sempre deseñar unha tecnoloxía que sexa máis accesible, sempre facendo fincapé no deseño universal da tecnoloxía. Agradecemos este recoñecemento e estamos orgullosos de achegar o noso graniño de area para buscar unha sociedade máis inclusiva”.

Ao acto, conducido pola directora da Fundación DKV Integralia, Cristina González, asistiron diversas autoridades, entre elas, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta, María Jesús Lorenzana; o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites; a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación do Concello da Coruña, Yoya Neira; o director de Comunicación e Responsabilidade Empresarial de DKV Seguros, Miguel García Lamigueiro; e o presidente de COGAMI e COCEMFE, Anxo Queiruga. Este último destacou “a importancia dos recoñecementos que hoxe se entregan, pola visibilidade que supoñen e a posta en valor do talento das persoas con discapacidade e a súa contribución xunto coas entidades, empresas e institucións para a construción dunha sociedade inclusiva”.
Ademais do CITIC, tamén foron premiados pola súa labor o doutor Antonio Rodríguez Sotillos, xefe da Unidade de Lesionados Medulares do CHUAC, Iago Santalla pola Traxectoria á Diversidade Profesional, Aixiña CEE, e a empresa Arnoia Distribución de Libros, entre outros.