07/12/2020 – CITIC
O pasado 4 de decembro tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela o acto de entrega de acreditacións a oito centros de investigación das tres universidades galegas: o CITIC, da Universidade da Coruña, o CIQUS, o CIMUS, o CITIUS e o IGFAE, da Universidade de Santiago de Compostela, e atlanTTic, CINBIO e CIM, da Universidade de Vigo.
Asistiron ao acto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, os reitores das tres universidades galegas e os directores dos oito centros de investigación acreditados.
Estes oito centros agruparanse baixo a marca común CIGUS, Centros de Investigación do Sistema Universitario Galego, unha etiqueta que a modo de “Galicia Calidade da Investigación”, segundo palabras de Nuñez Feijóo, permitirá proxectar e identificar a Galicia como referente no ámbito científico e investigador a nivel estatal e internacional.
“Esta concesión supón para o CITIC un recoñecemento ao traballo que se realiza desde o centro, que pon en valor as nosas capacidades e permitiranos situarnos como un centro de referencia nacional e internacional no ámbito das TIC”, indica o director do centro, Manuel F. González Penedo.