O CITIC súmase a Pint of Science 2026 na Coruña con dúas propostas sobre ciberseguridade e historia do GPS
O CITIC da Universidade da Coruña participará nunha nova edición de Pint of Science 2026 con dúas charlas divulgativas que achegarán ao público cuestións relacionadas coa intelixencia artificial aplicada á ciberseguridade e o funcionamento do GPS.
As sesións celebraranse no Bar Frei Caneca os días 19 e 20 de maio, dentro da programación do festival na cidade.
O vindeiro 19 de maio, Rubén Pérez Jove impartirá a charla “Non me andes máis nos.… paquetes: ciberIA na rede”. O investigador do CITIC explicará de maneira sinxela como a intelixencia artificial pode analizar o tráfico de rede —os “paquetes” que circulan por Internet— para detectar ameazas e mellorar a ciberseguridade. A sesión achegará ao público xeral a investigación que desenvolve no marco da súa tese de doutoramento e mostrará como a IA pode contribuír a crear redes máis seguras.
O mércores 20 de maio será a quenda de “Das estrelas ao GPS: como sabemos onde estamos”, charla impartida por Carlos J. Escudero. Durante a sesión realizarase un percorrido desde os antigos sistemas de navegación mediante estrelas e sextantes ata os actuais satélites equipados con reloxos atómicos. Ademais, o público poderá descubrir como o teléfono móbil calcula a súa posición e que retos científicos e tecnolóxicos hai detrás dunha acción cotiá como usar o GPS.
A apertura de portas será ás 18:30 horas e as actividades desenvolveranse entre as 19:00 e as 21:00 horas.
Pint of Science, ciencia nos bares
A celebración de Pint of Science 2026 terá lugar os días 18, 19 e 20 de maio. Trátase dun festival internacional que achega a investigación científica á cidadanía a través de charlas divulgativas en bares e outros espazos informais.
Tras o éxito acadado en 2025 —con máis de 19.300 asistentes, actividade en 73 localidades, máis de 170 bares participantes e preto de 1.000 investigadores e investigadoras implicados— o festival consolídase como unha plataforma para impulsar vocacións científicas, fomentar a transferencia de coñecemento, dar visibilidade ás mulleres na ciencia e combater a desinformación.
Ademais das charlas, Pint of Science desenvolve iniciativas complementarias como PINTíficas, unha exposición destinada a destacar o traballo de científicas españolas, e Pint Kids, orientada ao público menor de 18 anos.