O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia conceden a Talentos Inclusivos o Premio Amtega ao Mellor Proxecto TIC con beneficios Sociais
O proxecto Talentos Inclusivos acaba de ser galardoado co Premio Amtega ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, unha distinción instituída polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Este recoñecemento englóbase dentro dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información que, outro ano máis, foron outorgados polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia. A súa finalidade é distinguir o emprendemento, a investigación e as boas prácticas no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación galegas dentro de diversas categorías.
O Premio Amtega está destinado a salientar os mellores proxectos no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación que contribúan e aporten beneficios á sociedade, polo que recoñece cada ano o Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais. É por iso que o xurado valorou como razóns determinantes desta elección o enfoque de Talentos Inclusivos na solución dun problema concreto: atender ás necesidades especiais das persoas afectadas polo dano cerebral.
O acto de entrega dos premios terá lugar o vindeiro 20 de outubro no Hotel Finisterre de A Coruña no marco da Noite Galega das Telecomunicacións 2023. Ao mesmo asistirán os galardoados, invitados institucionais, empresas do sector, o colectivo de enxeñeiros de telecomunicacións e membros da xunta directiva do Colexio e da Asociación.
Talentos Inclusivos
Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolto en colaboración polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) e ASPACE (Confederación Española de Asociacións de Atención ás Persoas con Parálise Cerebral), e promovido pola FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía). A súa finalidade é espertar vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) nos estudantes de educación secundaria e bacharelato que participan no proxecto desenvolvendo unha serie de retos tecnolóxicos que son planteados polos usuarios de ASPACE. A maior parte deles son propostas que serven de axuda para mellorar as actividades da vida diaria de personas con parálise cerebral.