CITIC

O Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia premia a catro investigadores do CITIC polas súas aportacións en IA e a Internet das cousas

08/06/2023 - CITIC

O traballo de catro investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC vén de ser recoñecido polo Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) mediante a concesión de catro distincións que serán entregados o 16 de xuño no marco da 15 Noite da Enxeñaría en Informática en Galicia. Trátase das investigadoras Amparo Alonso e Verónica Bolón e os científicos Rubén Pérez e Alejandro Mosteiro, quen foron premiados polos seus traballos no eido da intelixencia artificial, do fomento das vocacións científicas e a interconexión de dispositivos físicos a través de Internet.

O CPEIG concedeu o Premio Colexiada de Honra da “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” neste 2023 a Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na Universidade da Coruña (UDC). O Colexio outórgalle esta distinción por ser unha das “máximas referentes e pioneiras en España no uso de Intelixencia Artificial aplicada ás ciencias sociais”, centrándose en tres grandes bloques temáticos: os aspectos básicos da IA, os esquemas e modelos de aprendizaxe automática, e a enxeñería do coñecemento. Ademais, o CPEIG destaca tamén o traballo de Amparo no fomento das carreiras STEM entre as nenas e mozas.

Pola súa banda, Verónica Bolón obtivo o Premio Ada Byron, dirixido a mulleres enxeñeiras en informática polos seus traballos de investigación en intelixencia artificial sostible e a súa aposta tamén polo fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas como coordinadora do nodo da Coruña do proxecto Inspira STEAM, no que científicas e tecnólogas imparten charlas a estudantes de 6º de Primaria e 1º da ESO sobre as STEM ou os estereotipos de xénero.

Así mesmo, o investigador Rubén Pérez, gañou o premio Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Informática  polo deseño de fingerAI, unha nova ferramenta no ámbito da ciberseguridade, de código aberto e facilmente extensible, para resolver a tarefa de fingerprinting de Sistemas Operativos utilizando Intelixencia Artificial.

Na mesma categoría, o responsable da Unidade de Sistemas e investigador do CITIC, Alejandro Mosteiro, resultou tamén finalista  polo seu traballo de desenvolvemento dun software de axuda para administradores baseado na denominada Internet das cousas, que está a transformar a forma na que interaccionamos co mundo, permitindo que obxectos cotiáns estean conectados á internet e intercambien información entre si.

 

15 edición

Os galardóns entregaranse na “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 16 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.