CITIC
Convenio Concello CITIC_firma

O Concello da Coruña conta co CITIC como socio tecnolóxico para colaborar na dixitalización da mobilidade e no deseño dun mapa de Zonas de Baixas Emisións

04/08/2021 – CITIC

O concelleiro de urbanismo do Concello da Coruña, Juan Díaz Villoslada, e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo, asinaron unha declaración de intencións para traballar conxuntamente no deseño, desenvolvemento e implantación de Zonas de Baixas Emisións (ZBE) e na dixitalización da mobilidade da cidade, co obxectivo de impulsar unha mobilidade segura, sostible e saudable. Ambos proxectos serán presentados para optar aos fondos de recuperación europeos Next Generation EU.

A sinatura tivo lugar este mércores 4 de agosto no Demostrador Tecnolóxico do CITIC, acto ao que asistiron diferentes representantes municipais.

O Concello da Coruña decidiu contar co CITIC como socio tecnolóxico para fortalecer os ámbitos da investigación e desenvolvemento e poder aportar un equipo avanzado para a presentación de proxectos a estes fondos de recuperación. Así, ambas entidades colaborarán para impulsar a transición cara a necesaria mobilidade segura, sostible e saudable inherente á instauración da Cidade 30 como marco urbano no que se poidan cumprir os obxectivos do desenvolvemento sostible.

O director do CITIC sinalou que “dende o CITIC estamos a disposición do Concello, así como de toda a cidadanía, para poñer ao alcance da sociedade as nosas capacidades. Esta é unha gran oportunidade para contribuír dende o CITIC, como socio tecnolóxico do Concello, a posicionar A Coruña como unha cidade máis verde e dixital, aportando a nosa experiencia no ámbito da Intelixencia Artificial”.

O edil de urbanismo destacou que “a dixitalización dos sistemas de xestión do tráfico e a aplicación das últimas tecnoloxías permitirá que a mobilidade das persoas e as mercadorías sexa máis eficiente. Crearase un novo centro de xestión da mobilidade en que integrar dixitalmente todos os procesos”. Con isto, apuntou Villoslada, “búscase saber como se utiliza o espazo público, a carga e descarga, os túneles e o ciclo semafórico. Ademais, queremos pór en marcha un plan de establecemento de Zonas de Baixas Emisións para lle dar cumprimento ás directrices que marcará a nova lei de cambio climático”.