O Congreso Español de Informática reúne desde hoxe na Coruña a máis de mil profesionais da I+D+i e do ensino neste ámbito de coñecemento
- O comité organizador está presidido por María Nieves Rodríguez Brisaboa e Juan Touriño Domínguez, investigadores do CITIC e docentes da UDC.
- No marco deste evento celébrase tamén o Congreso Español de Informática Gráfica 2024, presidido polo investigador do CITIC da Universidade da Coruña, José A. Iglesias Guitián.
A Coruña, 17 de xuño de 2024.- O Congreso Español de Informática (CEDI), a reunión científica nacional máis importante no ámbito da informática, reúne desde hoxe na Coruña a 1.100 profesionais. Trátase dun foro para promover sinerxías de investigación, institucionais e empresariais, brindando a oportunidade de establecer relacións de colaboración e intercambiar coñecementos científicos e tecnolóxicos.
O CEDI está formado por un conxunto de congresos que se levan a cabo anualmente de forma independente e que cada catro anos se celebran conxuntamente nunha mesma localización baixo a denominación de CEDI, que na súa VII edición terá lugar na Coruña, do 17 e 21 de xuño, na Facultade de Informática da UDC e no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco). O comité organizador está presidido por María Nieves Rodríguez Brisaboa e Juan Touriño Domínguez, investigadores do CITIC e docentes da UDC, por encargo da Sociedade Científica Informática de España (SCIE) que, entre outros labores, encárgase de dar continuidade ao CEDI e de outorgar os Premios Nacionais de Informática.
O CEDI súmase ao proxecto estratéxico da Cidade das TIC e á recente designación da Coruña como sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) para situar, á cidade en particular e a Galicia en xeral, como referencia a nivel nacional e internacional no ámbito TIC.
Toda a información e programa do CEDI pode consultarse na súa páxina web: https://www.congresocedi.es/
Congreso Español de Informática Gráfica (CEIG’24)
No marco deste encontro, terá lugar tamén a edición número 33 do Congreso Español de Informática Gráfica (CEIG’24), que se celebrará desde hoxe ata o próximo día 19. Este encontro está organizado pola Sección Española de Eurographics (EGSE) co apoio do CEDI, e conta ademais co respaldo de entidades como Adobe, SIE, Vicomtech e Deep Design Systems S.L., ademais do apoio institucional do CITIC, a propia Universidade da Coruña e a Facultade de Informática.
Entre as actividades principais, destacan dúas conferencias convidadas de gran relevancia: a de Ana Serrano, da Universidade de Zaragoza, receptora do Eurographics Young Researcher Award en 2023, e do IEEE VGTC Virtual Reality Significant New Research Award en 2024, que ofrecerá unha charla titulada “Estudo e modelado do comportamento e a atención dos usuarios en contornas inmersivas” hoxe, luns 17 de xuño ás 11:30 horas, na aula 2.9 da Facultade de Informática.
Jacopo Pantaleoni, ex-Nvidia e autor do recente libro “The Quickest Revolution”, matemático e experto en computación visual, presentará a súa charla “A Pixelated Revolution: on the Past, Present, and Future of Visual Computing” o martes 18 de xuño ás 12:00, no Salón de Actos da Facultade de Informática. Pantaleoni é un pioneiro no mundo dos gráficos por computador e os efectos especiais. Desenvolveu tecnoloxía clave para a realización da película Avatar, de James Cameron, e traballou durante máis de 15 anos como Principal Scientist en NVIDIA, deseñando as reviravoltas das omnipresentes GPUs que alimentan os maiores centros de datos e servidores para IA do mundo.
Este ano, o congreso estará presidido polo investigador José A. Iglesias Guitián, actualmente membro do CITIC e do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC. O equipo da organización local complétano Emilio J. Padrón, Bea Blanco e Manu Silva. O comité do programa está dirixido por Julio Marco (Universidade de Zaragoza) e Gustavo Patow (Universitat de Xirona).