CITIC
inigo_lopez-2c0d-eb823

O CPEIG outorga o XIII Premio Traballo Fin de Máster en Enxeñería Informática ao investigador Íñigo Luis López-Riobóo

29/06/2022 – CITIC

O investigador do CITIC Íñigo Luis López-Riobóo foi premiado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co Traballo Fin de Máster en Enxeñería Informática, polo TFM titulado “A Deep Learning Approach to Predict Users’ Preferences Based on Textual Reviews”. Recibirá o premio na gala da XIV Noite da Enxeñaría Informática de Galicia, que se celebra o vindeiro venres 1 de xullo en Santiago de Compostela.

O traballo galardoado céntrase no desenvolvemento dunha ferramenta para a presentación de recomendacións de forma personalizada baseada en texto, un proxecto no que o investigador desenvolveu un modelo de aprendizaxe profunda que selecciona entre as opinións coñecidas de cada restaurante as que mellor se axustan a cada usuario, personalizando pares (usuario, restaurante) en Tripadvisor. O modelo aprende das interaccións dos usuarios na plataforma para coñecer as súas preferencias de contido. Desta forma, maximiza as probabilidades de que se visiten os restaurantes, xa que o modelo lles mostra os aspectos máis vinculados aos seus gustos.

Nesta XIII edición do galardón, tamén foi finalista o investigador José Morano, polo seu traballo centrado no desenvolvemento dunha ferramenta web de apoio ao diagnóstico de patoloxías oculares. O seu TFM propón unha ferramenta de análise automática e visualización de marcadores de diagnóstico vascular sobre retinografía; mediante técnicas de aprendizaxe profunda, realiza estas tarefas de forma automática, á vez que permite ao persoal médico obter e visualizar facilmente os datos.

Con este premio, o CPEIG busca un achegamento ao colectivo estudantil fomentando o seu traballo. Así, os finalistas terán dereito a un ano de colexiación, ao que se engade unha gratificación económica de 1000 € ao gañador.