CITIC

O director do CITIC analiza o impacto das tecnoloxías disruptivas no II encontro “Invertir en Ciencia sí es rentable”

21/02/2024 - CITIC
  • Na xornada, que reunirá a máis de 50 relatores en Santiago de Compostela os días 21 e 22 de febreiro, participan representantes de nove universidades españolas e europeas e voceiras dos ecosistemas de ciencia, tecnoloxía e investimento de Madrid, Comunidade Valenciana, Murcia, País Vasco, Andalucía, Aragón, Cataluña e Galicia. 

O director de CITIC, Manuel G. Penedo participa este xoves 22 de febreiro no segundo encontro “Investir en Ciencia si é rendible. Impacto e retorno”, organizado por Unirisco e Bio&Tech Smart Capital, e que analizará o impacto das tecnoloxías disruptivas e a importancia de crear ecosistemas emprendedores. O encontro realizarase no Salón de Actos da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC.

“Hoxe en día as tecnoloxías disruptivas desenvólvense nos centros de investigación e en empresas punteiras que teñen solvencia e liñas estables. Na propia universidade as investigacións de fronteira realízanse nos centros de investigación, pero para poder levalas a cabo son necesarios plans de financiamento estables, para o mantemento das liñas e para a estabilización do persoal” explica o director sobre a súa intervención na mesa de debate na que abordará o “Investimento en tecnoloxías disruptivas: Superamos os límites do coñecemento?” 

Manuel Penedo tamén resalta que “no que se refire ao CITIC da Universidade da Coruña, somos pioneiros na investigación de algoritmos verdes. Recentemente tivemos o recoñecemento da cátedra ENIA apoiados por Inditex, unha das empresas máis importantes do noso país. Ademais, poñemos o foco na proxección social da tecnoloxía, cos desenvolvementos inclusivos e a medicina personalizada”. 

Para máis información, pódese consultar o programa a través desta ligazón.