CITIC

El equipo liderado por la investigadora del CITIC Verónica Bolón consigue la cátedra ENIA para un proyecto en el área de algoritmos verdes

25/01/2024 - CITIC
  • A proposta da Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos verdes recibiu a segunda mellor puntuación dos 21 proxectos estimados provisionalmente polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública como cátedras ENIA. 
  • A resolución do Ministerio conleva a concesión de financiamento, con preto de 900.000 euros, para o desenvolvemento do proxecto ata o 31 de decembro de 2025. 
  • O equipo de persoas que forman parte da cátedra está composto por 20 membros, 16 dos cales están adscritos ao CITIC. 

Un grupo de persoal investigador da Universidade da Coruña e do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC)  vén de conseguir a cátedra en Algoritmos Verdes, unha das 21 cátedras ENIA (Estratexia Nacional en Intelixencia Artificial) que concede o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, anteriormente o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.  

Este último foi quen, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, convocou as axudas para financiar as cátedras universitarias dedicadas á investigación, divulgación, docencia e innovación sobre IA.  

Unha das temáticas susceptibles de financiamento no marco desta convocatoria eran os métodos de investigación que buscan reducir o impacto ambiental das aplicacións informáticas, así como o seu uso para atopar solucións sostibles, máis coñecidos como “algoritmos verdes”. Esta categoría foi a escollida polo grupo de investigadores da UDC, liderados pola doutora en Informática Verónica Bolón Canedo, para presentar o seu proxecto en colaboración coa multinacional téxtil Inditex: a Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes. 

Segundo Verónica Bolón “a incorporación e colaboración coa multinacional Inditex no marco desta cátedra, permitiranos abordar novos retos aos que se enfronta a industria e, por outra banda, servir como plataforma para probar e escalar os resultados que se xeran no marco da cátedra”. Neste sentido, “Inditex está incorporando a IA, a automatización e o big data á súa estratexia empresarial e a súa cadea de subministración como compromiso decisivo”, engade. 

O equipo de persoas que forman parte da cátedra está composto por 20 membros, 16 dos cales adscritos ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC (CITIC). Segundo Manuel G. Penedo, o director do centro, “esta noticia supón un grande impulso no posicionamento do CITIC como un axente estratéxico na área de intelixencia artificial. É unha forma de visibilizar o talento do persoal do centro, grandes referentes na investigación en algoritmos verdes”.  

Do colectivo total, 10 son mulleres e 10 homes. Do colectivo total, 10 son mulleres e 10 homes. En concreto, os compoñentes do grupo de investigación na área de Intelixencia Artificial son Verónica Bolón, Amparo Alonso, Bertha Guijarro, Laura Morán, Vicente Moret, Brais Cancela e Juan Rabuñal. Como expertas en Big Data e Bases de Datos, Susana Ladra e Nieves Brisaboa. Patricia Faraldo en Dereito; Margarita Alonso en Lingüística; Adrina Dimitru en Psicoloxía, Isabel Novo Cortí en Economía e Jorge Rodríguez Álvarez en Urbanismo.  

No ámbito de Procesamento de Linguaxe Natural, atópanse os investigadores Carlos Gómez e David Vilares; en Computación de Altas Prestacións, Jorge González; en Robótica, Richard Duro; Javier Tarrío en Estatística e Luís Castedo en Sinal e Comunicacións. 

A impulsora da cátedra, Verónica Bolón, destaca que a súa creación supón a nivel científico a unión de persoal investigador de IA que xa conta cunha traxectoria ampla de colaboración no marco da actividade do CITIC. “Esta combinación de investigadores multidisciplinares axudará sen lugar a dúbida a abordar novas liñas de investigación e dar solución aos problemas e retos identificados no campo dos algoritmos verdes”.