CITIC

O estudante da UDC Iñaki Amatria gaña o Primeiro Premio do XX Certame Universitario Arquímedes

12/09/2023 - CITIC

Iñaki Amatria Barral, estudante da Universidade da Coruña, foi galardoado co Primeiro Premio no XX Certame Universitario Arquímedes de Introdución á Investigación Científica do Ministerio de Universidades.

Foi recoñecido na área de Enxeñería e Arquitectura polo traballo titulado “pRIblast: Unha Aplicación Paralela e de Alta Eficiencia para a Predición Extensiva de Interaccións lncARN-ARN”, titorizado polos investigadores do CITIC Jorge González e Juan Touriño. O premio está dirixido a estudantes de grao ou máster matriculados nalgunha universidade española e contempla unha dotación económica de 6.000 euros para o alumno e 2.000 para os seus titores.

Iñaki Amatria é graduado en Enxeñería Informática na Mención de Enxeñería de Computadores e Máster en Computación de Altas Prestacións pola UDC. O seu proxecto enmárcase na aplicación da supercomputación ao campo da bioinformática.

O Certame Arquímedes céntrase en fomentar a investigación científica entre os estudantes universitarios, polo que recoñece traballos das áreas de Ciencias Biolóxicas e Biomédicas; Ciencias Experimentais, Exactas e Ambientais; Ciencias Sociais e Humanidades, e Enxeñería e Arquitectura. Outórganse un total de 28 premios con dotación económica, tres estancias en centros de investigación e seis premios a titores. Nesta edición presentáronse 530 traballos de diversas universidades, tanto públicas como privadas.