CITIC

O experto en IA Paul Van Branteghem impartirá unha conferencia sobre as aplicacións de ChatGPT no ciclo HumanIA

03/11/2023 - CITIC

Paul Van Branteghem, experto en Intelixencia artificial, será o relator da segunda charla do ciclo HumanIA organizado polo Consello Social da Universidade da Coruña e a Facultade de Humanidades, en colaboración co CITIC. Esta segunda cita celebrarase na Sala Cloud do centro o vindeiro xoves 9 de novembro ás 17.30.

A influencia da Intelixencia artificial no mercado laboral e os sectores relacionados coas ciencias sociais é o eixo central desta segunda entrega do ciclo de charlas. Van Branteghem impartirá a conferencia “ChatGPT e outras aplicacións: casos de uso no mercado laboral” no que falará sobre como a IA está cada vez máis presente nas empresas españolas.

Ferramentas como ChatGPT, GPT-4, BERT e DALL·E 2 están reconfigurando os postos de traballo, polo que neste ciclo profundarase no impacto da IA no mercado laboral, en novas competencias nesta materia e nas aplicacións máis utilizadas.

Paul Van Branteghem é físico con máster en Intelixencia artificial Avanzada e en Meteoroloxía combinado con Posgraos en Marketing Analytics. É cofundador de Big Onion Tech e a asociación Spain-AI. Traballou en Siemens-Gamesa e en BBVA desenvolvendo proxectos relacionados coa IA e en StratioBD e Deloitte liderando proxectos de Data Science.

A asistencia ao ciclo é previa inscrición e as prazas están esgotadas. Máis información en: https://humaniaudc.com/chatgpt-aplicaciones-uso-mercado/