CITIC
Javier Pereira_foto_1_

O Máster en Bioinformática para Ciencias da Saúde, coordinado polo subdirector do CITIC, recibe a mención de excelencia da Xunta de Galicia

27/08/2021 – CITIC

O Máster Universitario en Bioinformática para Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña, coordinado desde 2017 polo subdirector do CITIC, Javier Pereira, recibiu a mención de Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O máster, organizado pola Facultade de Informática, é un dos tres recoñecidos con esta distinción en todo o Sistema Universitario Gallego (SUG), e ten o fin de formar a persoal investigador e profesionais no ámbito da Bioinformática e a Bioenxeñaría con especial énfase na súa vertente biomédica.

A mención de excelencia acredita, por unha banda, o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos, e, doutra banda, supón unha garantía de futuro para o estudantado.

A distinción outorgada pola Xunta de Galicia pretende favorecer a posta en marcha de medidas de mellora da calidade na oferta de másteres universitarios nas universidades do SUG, de cara a satisfacer a necesidade de formación especializada, tanto profesionalizante como de carácter investigador.

O outorgamento da mención de máster universitario excelente permitirá contar cunha diferenciación e identificación coa calidade e o prestixio, potenciar a actividade docente e investigadora e incrementar o seu atractivo e capacidade de retención de talento.

A obtención deste selo, que ten unha vixencia de cinco anos, permite ás titulacións seleccionadas participar do apoio económico contemplado nas accións de mellora da calidade do Plan Galego de Financiamento Universitario.

Esta mención de excelencia únese á alcanzada en 2020 polo Máster Universitario en Enxeñería Informática (MUEI), tamén da Facultade de Informática da UDC e coordinado polo investigador do CITIC José Manuel Vázquez Naya.