O Ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública visita o CITIC da Universidade da Coruña
- José Luis Escrivá, quen mantivo un encontro de traballo co persoal investigador, constatou a “excelencia do centro” e repasou os seus proxectos de innovación e investigación “que conectan coas capacidades que se poidan desenvolver para que a IA teña un impacto positivo sobre os cidadáns”.
- O titular de Transformación Dixital e da Función Pública destacou o traballo “exemplar” do centro e da Universidade da Coruña na transferencia de coñecemento e o traballo coas empresas.
- O director do CITIC, Manuel González Penedo, destacou o liderado do centro en proxectos de IA e ciencia de datos aplicados á biomedicina, inclusión ou sustentabilidade.
A Coruña, 22 de xaneiro de 2024.- O ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, José Luis Escrivá Belmonte, realizou esta mañá unha visita de traballo ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña. Neste encontro, o ministro puido coñecer as principais liñas de investigación que se están levando a cabo no centro, que lidera importantes proxectos de Intelixencia Artificial aplicada á biomedicina, a inclusión, a astronomía, a industria 4.0, a sustentabilidade ou a estatística. Así o destacou José Luis Escrivá, quen cualificou como “extraordinarios os proxectos e iniciativas que se están a desenvolver no mesmo, tanto a nivel de investigación como de transferencia de coñecemento e traballo coas empresas”. “Trátase de propostas que conectan moi ben coas prioridades do Ministerio e coas capacidades que se poidan desenvolver para que as novas tecnoloxías e, singularmente, a Intelixencia Artificial teña un impacto positivo sobre os cidadáns e axude a mellorar a vida da xente”.
Pola súa banda, o director do CITIC, Manuel González Penedo resaltou que “un dos nosos principais obxectivos como centro é a transferencia, poñer ao alcance da sociedade os resultados das investigacións, como así o demostra o feito de que sexamos referentes na atención a persoas con discapacidade a través de programas pioneiros, como Talentos Inclusivos ou o uso da IA para mellorar a predición e resposta en emerxencias transfronteirizas”.
Na mesma liña, o vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas Agudo, destacou que “a Universidade e a cidade da Coruña teñen as capacidades e as ferramentas para organizar toda a arquitectura da IA. Dispoñemos dos centros e as empresas, moitas das cales son startups que foron concibidas na propia UDC. De feito, a Universidade da Coruña aposta pola colaboración con empresas TIC desde os seus centros de investigación, como o CITIC, para potenciar a transferencia efectiva de coñecemento. Todo iso propicia que a Cidade das TIC, que xa é unha realidade, poida converterse no futuro hub da IA”.
Durante a visita, o ministro de Transformación Dixital tivo a oportunidade de reunirse cun grupo de investigadores do centro que lideran proxectos punteiros, entre os que se atopaban Amparo Alonso, Minia Manteiga, Verónica Bolón, Nieves Brisaboa, Thais Pousada, Carlos Gómez e José A. Iglesias, xunto co director, Manuel González Penedo e o subdirector, Javier Pereira, ademais de membros do Consello Reitor do CITIC. Tras o encontro, José Luis Escrivá fixo un percorrido polas instalacións do centro de investigación, visitando o demostrador tecnolóxico, un espazo singular no que puido coñecer dous dos proxectos nos que traballa actualmente o persoal investigador do centro, así como os escenarios de realidade virtual.
AESIA
Outro dos asuntos que se tratou na visita foi o papel da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) que terá a súa sede na Coruña. José Luis Escrivá resaltou o papel do CITIC e da UDC na axencia “que primeiro ten que converterse nun ‘think tank’, un centro de análise que xere coñecemento para que os cidadáns poidan coñecer as oportunidades que a IA xera”.