O programa AddVenture leva a IA ao emprendemento
- O CITIC acolleu os primeiros obradoiros desta iniciativa impulsada polos Consellos Sociais das universidades para apoiar o desenvolvemento de novos proxectos innovadores.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu estes días os obradoiros do programa de emprendemento AddVenture, unha actividade práctica organizada polos Consellos Sociais da Universidade da Coruña e da Universidade de Santiago de Compostela, que ten como obxectivo axudar ás persoas participantes a transformar as súas ideas de negocio en prototipos funcionais empregando intelixencia artificial e linguaxe natural.
Os obradoiros, que comezaron este pasado mércores 11, contaron cunha ampla participación e marcaron o inicio desta nova edición do programa AddVenture. Durante dúas sesións intensivas, as persoas asistentes traballaron directamente sobre as súas propias ideas de proxecto para construír unha primeira versión funcional, xa sexa unha páxina web, unha aplicación sinxela ou unha demostración do produto que desexan desenvolver.
Na segunda xornada, celebrada o xoves 12, as persoas participantes continuaron avanzando nos seus proxectos, experimentando con diferentes ferramentas de intelixencia artificial, afinando as súas propostas e desenvolvendo os primeiros prototipos que lles permitiron mostrar, probar e mellorar as súas ideas. Un dos obxectivos principais da formación é demostrar que é posible pasar da idea a un prototipo inicial sen necesidade de contar con experiencia previa en programación, grazas ao uso de ferramentas baseadas en IA xerativa e interacción mediante linguaxe natural.
A formación foi guiada por Daniel Alías e Álvaro Sánchez, expertos en IA xerativa, que acompañaron ás persoas participantes ao longo de todo o proceso de creación e validación das súas propostas.
Este obradoiro forma parte do programa AddVenture, unha iniciativa impulsada polos Consellos Sociais da Universidade da Coruña e da Universidade de Santiago de Compostela para fomentar o emprendemento universitario e apoiar o desenvolvemento de novos proxectos innovadores.