CITIC
Presentación Talentos Inclusivos_21 22_

O proxecto Talentos Inclusivos inicia a súa segunda edición con novos colaboradores e participantes

12/11/2021 – CITIC

A segunda edición do proxecto Talentos Inclusivos, promovido polo CITIC e ASPACE Coruña, presentouse este xoves 11 de novembro na Domus da Coruña. Nesta nova edición, o Concello da Coruña súmase ás entidades que apoian o proxecto, xunto co Consello Social da UDC, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia. Tamén se unen dous novos centros educativos, facendo un total de 10 na provincia da Coruña.

O proxecto Talentos Inclusivos ten o dobre obxectivo de fomentar as vocacións TIC entre estudantes de secundaria e bacharelato e, á súa vez, dar visibilidade á diversidade funcional. Para iso, créanse grupos de traballo colaborativos formados por usuarios e usuarias de ASPACE Coruña e estudantes de centros educativos, para desenvolver durante todo o curso escolar solucións tecnolóxicas para persoas con parálise cerebral.

Formaron parte do acto de apertura a alcaldesa do Concello da Coruña, Inés Rey García; o reitor da UDC, Julio Abalde Alonso; a subdirectora xeral de Innovación, Orientación e Formación de Recursos Humanos da Xunta de Galicia, María Eugenia Pérez Fernández; o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín; o director do CITIC, Manuel F. González Penedo; e o xerente de ASPACE Coruña, Ricardo Iglesias Sanmartín.

O director do CITIC amosou o seu orgullo pola presentación deste “disruptivo proxecto”, que “cumpre con varios obxectivos do centro: fomentar tecnoloxía entre as xeracións do futuro, trasladar o coñecemento científico á sociedade e achegar a innovación e a tecnoloxía a ámbitos onde non chega tanto como debería”.

Seguidamente, o xerente de ASPACE Coruña destacou que o proxecto Talentos Inclusivos “foi un reto e unha oportunidade, que permitiu trasladar a realidade da parálise cerebral á comunidade educativa e demostrou a grande capacidade de colaboración, evidenciando que o talento non entende de barreiras”.

Pola súa banda, o presidente do Consello Social da UDC quixo salientar o “éxito da primeira edición da iniciativa”, que “axuda a facer mellores estudantes, mellores profesionais do día de mañá e, sobre todo, mellores persoas”. Tamén recalcou a necesidade de que “a tecnoloxía estea ao servizo da humanidade, sen perder de vista a perspectiva do impacto nas persoas”. 

A subdirectora xeral de Innovación, Orientación e Formación de Recursos Humanos da Xunta de Galicia puxo en valor o “esforzo e o traballo do profesorado dos centros educativos” e apuntou a importancia de “aplicar o plano tecnolóxico á inclusión en proxectos como este, que repercuten na mellora de toda a cidadanía”.

O reitor da UDC afirmou que “Talentos Inclusivos aglutina todo o que unha universidade pública pode aspirar a facer: estimular as vocacións STEAM, tratar de reducir a brecha de xénero, fomentar o traballo colaborativo para a resolución de problemas”. Sinalou que o proxecto contribúe ao “obxectivo da UDC de ser unha universidade inclusiva”.

Finalmente, a alcaldesa do Concello da Coruña agradeceu ao CITIC e ASPACE Coruña o traballo realizado, manifestando o “compromiso pleno do Concello da Coruña co proxecto”. Asegurou que “o Concello vai prestar todo o seu apoio, poñendo á súa disposición as instalacións, interlocución coa comunidade educativa e todos os medios para conseguir a maior participación e alcance do proxecto”.