CITIC

O segundo almorzo TIC Talk do ano reúne a máis de 30 investigadoras e investigadores

27/02/2024 - CITIC

O CITIC da UDC acolleu este martes, 27 de febreiro, unha nova sesión dos almorzos TIC Talk, que cada mes buscan potenciar as investigacións e promover posibles colaboracións e sinerxías entre o persoal investigador.

Nesta sesión participaron, por unha banda, a investigadora Blanca Estela Monroy, quen falou sobre os modelos de curación para predicir a remisión na artrite reumatoide nunha intervención titulada: “Flexible cure models in data science to predict sustained remission in rheumatoid arthritis”. Nun tratamento de artrite reumatoide, o obxectivo é a remisión dentro da etapa temperá da enfermidade, co fin de evitar que os pacientes desenvolvan deformidades permanentes. Por iso, é importante identificar e anticiparse ás posibles recaídas, para que o persoal sanitario poida individualizar o plan de tratamento. O traballo da investigadora do CITIC propón o desenvolvemento de modelos preditivos coa capacidade de procesar grandes cantidades de información, que tomen en conta o evento de recaída do paciente.

E, pola outra, Samuel Magaz Romero, investigador que presentou “Manexando a incerteza con Computación Cuántica”. Explicou a importancia da incerteza no proceso de razoamento dos sistemas de Intelixencia Artificial e como a Computación Cuántica pode modelar e manexar esta característica. O proxecto presenta distintos operadores para agrupar os datos do sistema e obter novos mediante dedución con regras, comparándoos cos métodos utilizados clasicamente, e vendo que os propostos son unha alternativa válida.

O ciclo de reunións TIC Talk de 2024 arrincou o pasado mes de xaneiro no CITIC da UDC falando sobre TIC e saúde.