CITIC

O Servizo de Contratación Administrativa da UDC coñece as instalacións do CITIC

16/04/2024 - CITIC

Esta mañá, o equipo de Contratación Administrativa da Universidade da Coruña visitou as instalacións do CITIC. Como é habitual nos percorridos que se organizan no centro, o grupo coñeceu as infraestruturas tecnolóxicas que están ao dispor do persoal investigador.

A visita comezou na Sala Cloud, onde se realizou unha presentación sobre o funcionamento do CITIC e visualizaron o vídeo corporativo. Tras esto, continuaron no Demostrador Tecnolóxico. Alí, as voluntarias probaron as lentes de realidade aumentada, que mediante tecnoloxía holográfica permiten a interacción entre elementos dixitais e elementos reais. Tamén se presentou Robobo, o robot deseñado para educación, e outros artigos expostos, como o pluviómetro desenvolvido por investigadores do centro. Puxeron en funcionamento o robot humanoide NAO, programable e autónomo, capaz de facer unha demostración de taichí ou de bailar.

A continuación, no Laboratorio de Impresión 3D coñeceron o funcionamento das impresoras e os materiais que se utilizan para os deseños. Antes de chegar á Sala de Realidade Virtual, onde habitualmente finaliza o percorrido, entraron no Centro de Procesado de Datos (CPD), formado por servidores físicos nos cuales preparouse un sistema de virtualización para poder ofrecer máquinas virtuais a todos os investigadores que as necesiten.

Para terminar, mediante a plataforma Omni One e as lentes de realidade virtual, probaron o supermercado virtual deseñado polo investigador Manuel Lagos. Nel, o usuario ou usuaria debe completar unha lista da compra; o seu obxectivo é axudar na rehabilitación de persoas con algún tipo de dificultade motora.