Obradorio sobre o manexo do sistema de captura de movemento Optitrack no CITIC
O CITIC da UDC organiza un obradoiro presencial para o manexo do avanzado sistema de captura de movemento Optitrack que será impartido polo profesor José Ángel López Campos, destacado especialista do Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CINTECX).
O obradoiro levarase a cabo o vindeiro 23 de xullo de 2024 no laboratorio de Realidade Virtual e Movemento do CITIC, en modalidade presencial, e desenvolverase en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 15.00 a 17.30 horas.
O principal obxectivo do taller é proporcionar aos participantes o coñecemento e as habilidades necesarias para manexar e aproveitar ao máximo o sistema de captura de movemento Optitrack, unha infraestrutura singular do CITIC.
O sistema Optitrack do laboratorio conta con 8 cámaras, un equipo de captura de datos e un ambiente de luz controlado, permitindo a captura precisa de movementos, tanto de obxectos ríxidos como de corpos humanos.
Durante o taller, utilizarase o software Motive coa licenza Body e os participantes terán a oportunidade de seguir un exemplo completo do fluxo de traballo dun proceso de adquisición e procesamento de datos que incluirá: características básicas do sistema de captura de movemento, selección do modelo de captura, preparación da captura, incluíndo traxe e colocación dos marcadores, captura de movemento, preprocesado de datos, exportación de datos a OpenSIM e preprocesado e análise básica do modelo biomecánico.
As inscricións poden realizarse na seguinte ligazón: