Presentación da terceira edición do proxecto Talentos Inclusivos
Facilitar a inclusión tecnolóxica e social a través das TIC entre persoas con diversidade funcional é o obxectivo do programa Talentos Inclusivos, promovido polo CITIC e ASPACE Coruña. O vindeiro 4 de novembro terá lugar na Sala Leonardo da Vinci da Domus A Coruña a presentación da terceira edición do proxecto, coa participación de medio cento de persoas, entre alumnos/as, docentes, usuarios/as de ASPACE Coruña e autoridades locais, autonómicas e nacionais.
Talentos Inclusivos está orientado ao desenvolvemento, por parte de alumnado de secundaria e bacharelato, de solucións TIC para persoas con diversidade funcional. Ata o momento participaron 11 centros educativos e 280 estudantes da provincia da Coruña. Promovido polo CITIC e ASPACE Coruña, conta ademais co apoio do Consello Social da Universidade da Coruña, o Concello da Coruña, a FECYT do Ministerio de Ciencia e Innovación e a Xunta de Galicia.
O proxecto ten o dobre obxectivo de fomentar as vocacións TIC entre o alumnado de secundaria e bacharelato e, á súa vez, dar visibilidade á diversidade funcional. Para iso, en cada edición, créanse grupos de traballo colaborativos formados por usuarios e usuarias de ASPACE Coruña e estudantes de centros educativos da provincia, apoiados polo seu profesorado e persoal investigador do CITIC. Os/as usuarios/as de ASPACE Coruña propoñen diferentes retos tecnolóxicos, atendendo ás necesidades prioritarias que eles detectan, para ser solucionados por parte do alumnado. Produtos de apoio con impresión 3D, acceso ao ordenador e ao móbil, comunicación, fogar intelixente, rehabilitación e ocio son as áreas de traballo nas que o alumnado desenvolverá ferramentas e solucións TIC concretas.
Programa
12:00 h – 12:30 h.- Apertura do acto:
- Manuel F. González Penedo, director do CITIC.
- María Carmen Barreiro Santos, presidenta de ASPACE Coruña.
- Antonio Abril Abadín, presidente do Consello Social da UDC.
- Imma Aguilar Nàcher, directora xeral da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).
- Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.
- Inés Rey García, alcaldesa do Concello da Coruña.
12:30 h – 12:55 h.- Presentación do proxecto:
- Javier Pereira, subdirector do CITIC e investigador principal do proxecto.
- Rubén Carneiro, fisioterapeuta en ASPACE Coruña.
- Tatiana Carro e Óscar Otero, alumna e alumno do IES Ramón Menéndez Pidal – Zalaeta.
- Vanessa Escudero e Gisela Galeiras, usuarias de ASPACE Coruña.
12:55 h – 13:00 h.- Clausura do acto:
- Manuel F. González Penedo, director do CITIC.
13:00 h – 13:30 h.- Café