CITIC

Presentación da guía "Conducir desde a diversidade”, elaborada por investigadoras do CITIC

27/02/2020

O luns 2 de marzo presentouse no CITIC a guía “Conducir desde a diversidade. Potenciando a autonomía na comunidade”, elaborada por investigadoras da área de Intelixencia Artificial do CITIC xunto con alumnas do Grao de Terapia Ocupacional da UDC, dirixidas por Thais Pousada, e editada pola Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (ASEM).

A apertura do acto foi a cargo do reitor da UDC, Julio Abalde; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, María Jesús Movilla; o director do CITIC, Manuel F. González Penedo; e o presidente de ASEM Galicia, Manuel Rego.

A investigadora do CITIC Thais Pousada foi a encargada de realizar a presentación da guía, que ten o obxectivo de responder a preguntas comúns respecto á obtención do permiso de conducir para persoas con enfermidades neuromusculares e ofrecer información detallada sobre as posibilidades de adaptación do coche. O documento tamén contén recomendacións sobre estratexias, dispositivos tecnolóxicos e adaptacións para mellorar a seguridade na condución e a mobilidade xeral da persoa con diversidade funcional.

Para finalizar, realizouse unha demostración de dous vehículos adaptados por parte de persoas usuarias, que mostraron as adaptacións para o acceso e a condución levadas a cabo nos seus vehículos e explicaron como iso supuxo unha mellora significativa na súa participación na comunidade.

Máis información