CITIC

Realidade virtual que contribúe ao benestar e mellora cognitiva das persoas maiores e con discapacidade intelectual

11/10/2024 - CITIC
  • O CITIC acolleu este venres a presentación do proxecto Atendis- VR, impulsado polo propio Centro TIC da UDC e a Fundación ADCOR -dedicada á atención de persoas con discapacidade- co apoio da Axencia Galega de Innovación.
  • A Iniciativa, que está dispoñible para dispositivos Meta Quest (lentes de realidade virtual) e outros compatibles con OpenXR, está orientada á estimulación cognitiva das persoas maiores e con discapacidade intelectual.

A Coruña, 11 de outubro de 2024. – O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) acolleu este venres a presentación do proxecto Atendis-VR, unha innovadora iniciativa de realidade virtual desenvolvida durante o último ano e orientada á estimulación cognitiva de persoas maiores e persoas con discapacidade intelectual. Este proxecto foi levado a cabo pola Fundación ADCOR co apoio do CITIC, e subvencionado pola Axencia Galega de Innovación a través do programa InnovaPeme 2023. Trátase dunha iniciativa coa que o CITIC reforza o seu “compromiso con que a tecnoloxía chegue a todas as persoas, o que implica o desenvolvemento de solucións accesibles e inclusivas, asegurando que ferramentas tecnolóxicas como ATENDIS-VR estean ao alcance de todas as persoas”, sinalou o subdirector do centro, Javier Pereira.

Atendis-VR, é unha solución avanzada de estimulación cognitiva mediante a realidade virtual, deseñada especificamente para a dispositivos Meta Quest 2 e 3 e da que se benefician máis de 100 usuarios. O proxecto propón un xogo interactivo con sete actividades diferentes, cada unha delas adaptada aos usuarios e con niveis de dificultade que permiten traballar distintos aspectos físico-cognitivos. Estas actividades ofrecen unha experiencia inmersiva e enriquecedora que contribúe ao benestar e a mellora cognitiva das persoas maiores e aquelas con discapacidade intelectual.

O acto de presentación contou coa participación de Pablo Martín Lancharro, subdirector xeral de Atención Sociosanitaria e Innovación Asistencial da Consellería de Política Social e Igualdade e Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica do Concello da Coruña, xunto con Margarita Garrido, xerente de ADCOR  e Betania Groba, investigadora principal do proxecto,

Durante o evento, usuarios de ADCOR apoiados por técnicos da entidade e o enxeñeiro informático Iago Fernández, realizaron unha demostración en vivo da aplicación Atendis-VR, probando distintos escenarios de realidade virtual e mostrando a versatilidade do sistema. A xornada finalizou cunha visita guiada ás instalacións do CITIC, onde os asistentes exploraron diversos espazos tecnolóxicos, incluíndo unha sala de demostradores tecnolóxicos, lentes de realidade aumentada, robots como o can robot e o compañeiro Tiago, e un taller de impresión 3D.

Innovación en habilidades físico-cognitivas

O proxecto Atendis-VR é un innovador programa que consta de sete actividades deseñadas para traballar diferentes habilidades físico-cognitivas, con niveis de dificultade adaptables. Entre as actividades destacan a “Praga de velutinas”, onde os usuarios deben apuntar e eliminar avespas virtuais, e o “Coche RC”, que implica manter a distancia correcta cun vehículo guía nun circuíto. Tamén inclúe o “Quebracabezas Monumentos”, onde se montan miniaturas históricas, e o “Circuíto Canicas”, que desafía aos usuarios para completar un circuíto colocando pezas no seu lugar.

Ademais, o proxecto incorpora adaptacións de xogos tradicionais como a “Chave” e os birlos, onde se mellora a puntería e a coordinación ao derrubar piares e birlos, respectivamente. Pola súa banda, a actividade de “Globos” permite aos usuarios tocar globos en movemento para explotalos, mellorando a súa estabilidade e reflexos.

Descarga dispoñible

Atendis-VR está dispoñible para descarga directa a través da ligazón oficial: Descarga_Atendis-VR. A aplicación está deseñada principalmente para dispositivos Meta Quest 2 e 3, pero tamén é compatible con calquera dispositivo que cumpra co estándar OpenXR.

Para máis información sobre o proxecto ou acceder á aplicación pódese visitar a páxina web do proxecto: https://talionis.citic.udc.es/atendisvr/