Retos prácticos de ciberseguridade chegan ao CITIC os días 25 e 26 de marzo
- O centro TIC da UDC celebra un CTF, dentro do programa INCIBE Emprende, enfocado a enfrontar desafíos reais de maneira práctica en materia de ciberseguridade.
- O evento, dirixido a estudantes, persoal investigador e calquera persoa interesada en iniciarse ou profundar en retos de ciberseguridade, é presencial e totalmente gratuíto.
O CITIC da UDC acolle dúas xornadas dinamizadoras enfocadas a enfrontar desafíos reais de maneira práctica en materia de ciberseguridade. Trátase dun CTF (Capture the Flag), unha competición deseñada para poñer a proba as habilidades das persoas participantes en diversas áreas da ciberseguridade e das telecomunicacións seguras. O evento, organizado pola consultora Sherpa Tribe no marco do programa INCIBE Emprende, celebrarase os días 25 e 26 de marzo, de 9:00 a 14:00 horas, na Sala Cloud do Centro TIC da Universidade da Coruña.
O Capture The Flag CITIC é un evento de ciberseguridade que combina competición, aprendizaxe práctica e mentoría especializada e está dirixido a estudantes, persoal investigador e calquera persoa interesada en iniciarse ou profundar en retos de ciberseguridade. O CTF ofrece unha experiencia formativa adaptada a distintos niveis de coñecemento.
O evento inclúe retos prácticos organizados por equipos en áreas clave do sector, como análise de información e OSINT, forense dixital, criptografía, seguridade web, hardening de sistemas, enxeñaría inversa básica e explotación controlada de vulnerabilidades. Cada reto se adapta ao nivel das persoas participantes e realízase dentro da plataforma propia do programa, con acompañamento continuo de mentores e asesores que guían aos equipos durante toda a competición.
Ademais, as persoas asistentes poderán participar en charlas breves de profesionais, que conectarán os retos coa realidade do sector e coas saídas profesionais dispoñibles. Todas as persoas participantes recibirán un certificado de participación asinado polo INCIBE, que recoñece a súa implicación e desempeño no evento.
A inscrición é individual e gratuíta, cun máximo de 40 participantes asignados por orde de rexistro. O CTF require que as persoas participantes dispoñan de ordenador portátil propio. Para rexistrarse, pódese acceder á seguinte ligazón: Rexistro Capture The Flag CITIC.
Este evento representa unha oportunidade única para desenvolver habilidades prácticas en ciberseguridade, traballar en equipo e coñecer de primeira man as oportunidades profesionais no sector.