Ricardo Cao, investigador do CITIC, participa en Madrid na Sesión sobre Innovación Estatística no Sistema Estatístico Europeo
O investigador do CITIC Ricardo Cao participou na Sesión sobre Innovación Estatística no Sistema Estatístico Europeo, celebrada en Madrid o pasado luns 23 de outubro. Trátase do primeiro dos dous eventos organizados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) coincidindo coa Presidencia Española do Consello da Unión Europea. A sesión foi inaugurada por Elena Manzanera, a presidenta do INE.
Ricardo Cao participou na mesa redonda, xunto Marleen Verbruggen, directora de Economía, Estatísticas de Negocios e Contas Nacionais da Oficina Central de Estatística dos Países Baixos, e Dominika Nowak, xefa de Unidade de Análise e Investigación Experimental de Statistics Poland. Na mesa tamén participaron David Salgado, director de Metodoloxía e Deseño de Mostras do INE e Miguel Ángel Martínez, director de Formación, Análise e Innovación na Produción Estatística do INE. Ademais, Ricardo Cao impartiu unha das conferencias na que explicou os acordos de innovación en materia de estatística desde o punto de vista da experiencia española.
O investigador do CITIC abordou a experiencia do proxecto Ciencia e Enxeñería de Datos para a Mellora da Función Estatística Oficial (CIDMEFEO), financiado con 650.000 euros polo Instituto Nacional de Estatística (INE) que ten como obxectivo a investigación científica, desenvolvemento e innovación tecnolóxica para mellorar a función estatística oficial.
O proxecto liderado por Ricardo Cao foi un dos catro concedidos en toda España por parte do INE, que desenvolverá ata 2026 sete liñas de investigación das 13 incluídas na convocatoria. O equipo está formado por 26 investigadores do CITIC de áreas como a estatística, a intelixencia artificial e bases de datos. Ao equipo sumouse unha investigadora do Instituto Galego de Estatística e un investigador da Universitè de Genéve.
Na sesión celebrada o día 23, Marleen Verbruggen presentou a Axenda de Innovación do Sistema Estatístico Europeo (SEE), mentres que Dominika Nowak explicou os proxectos de Web Intelligence Network, cuxo obxectivo é contribuír a que os Institutos Nacionais de Estatística avancen na produción de estatísticas nacionais, aproveitando o potencial das novas tecnoloxías e das bases de datos para xerar estatísticas de maneira eficaz, precisa e rendible.
O segundo evento organizado polo INE, en colaboración co Instituto de Economía, Xeografía e Demografía do CSIC (IEGD-CSIC) é o European Data Users Conference, que celebrará a súa cuarta edición os días 30 e 31 de outubro. Nestas xornadas analizarase a situación das estatísticas sociais e demográficas no ámbito da Unión Europea.