CITIC

Rubén Cuevas aborda no CITIC da UDC como facer a intelixencia artificial máis verde

29/01/2026 - CITIC
  • A conferencia enmarcouse no ciclo “Converxencia Verde: IA para un futuro sustentable” impulsado pola Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes
  • Rubén Cuevas abordou os retos ambientais que supón o uso de modelos de intelixencia artificial

A Coruña, 29 de xaneiro de 2026

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, centro que forma parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia, acolleu onte a conferencia “Un enfoque científico-práctico para a IA verde”, impartida por Rubén Cuevas, profesor titular da Universidade Carlos III de Madrid, subdirector do Instituto UC3M-Santander de Big Data e CEO e cofundador da tecnolóxica Hiili. A sesión formou parte do ciclo “Converxencia Verde: IA para un futuro sustentable”, promovido pola Cátedra Inditex-UDC en Algoritmos Verdes.

Durante a conferencia, Cuevas presentou os últimos avances na medición e optimización do consumo enerxético da intelixencia artificial xenerativa. Destacou que, aínda que modelos como ChatGPT e outros LLMs están a ser amplamente utilizados polo público xeneral, a demanda enerxética que supoñen representa un desafío ambiental e económico.

Fronte a esta problemática, o investigador explicou o funcionamento de GreenBrain AI, unha aplicación desenvolvida por Hiili capaz de detectar o modelo de IA máis adecuado en función de tres criterios: rendemento, emisións de CO₂ e custo económico. Cando un usuario fai unha consulta, o sistema analiza e selecciona o modelo máis axeitado a nivel medioambiental e económico.

Para o seu desenvolvemento avaliáronse máis de 150 modelos de intelixencia artificial, realizando medicións directas sobre o consumo enerxético por prompt, ata lograr establecer un modelo preditivo que permite estimar a enerxía que necesita o sistema para responder a cada consulta individual. Rubén Cuevas destacou que, no desenvolvemento de sistemas LLMs, certas decisións técnicas permiten optimizar a memoria e reducir custos sen comprometer o seu rendemento.

Durante a sesión tamén presentou CarbonAI, un plugin gratuíto para navegadores desenvolvido pola súa compañía que analiza, en tempo real, as emisións de CO₂ xeradas polo uso de modelos de IA xenerativa. O obxectivo destas iniciativas é fomentar un uso máis eficiente e responsable da intelixencia artificial, así como divulgar sobre o seu impacto medioambiental.

Rubén Cuevas conta con máis de 80 publicacións científicas internacionais e liderou máis de 20 proxectos de investigación centrados en eficiencia enerxética, servizos dixitais sostibles e privacidade na web.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia artificial; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade. 

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).