CITIC

Rubén Pérez e David Soler presentan resultados nas IX Xornadas Nacionais de Investigación en Ciberseguridade

04/06/2024 - CITIC

Do 27 ao 29 de maio celebráronse en Sevilla as “IX Xornadas Nacionais de Investigación en Ciberseguridade” (JNIC), organizadas polo INCIBE en colaboración coa Escola Técnica Superior de Enxeñería Informática e a Universidade de Sevilla. Nestas xornadas presentaron resultados os investigadores do CITIC Rubén Pérez Jove e David Soler García, pertencentes a os grupos RNASA-IMEDIR e LIA2, respectivamente. 

Rubén Pérez presentou o traballo “Towards TabTransformer-based Operating System Fingerprinting: A Preliminary Approach using the Nmap Database”, realizado en colaboración cos seus directores de teses, Jose Vázquez Naya e Alejandro Pazos. Durante o relatorio presentou os últimos resultados da súa investigación centrada na aplicación de novos métodos de Intelixencia artificial (IA) á ciberseguridade, concretamente ao fingerprinting de sistemas operativos. Esta técnica permite a identificación da familia e versión de sistema operativo dun dispositivo a partir do tráfico de rede, unha tarefa fundamental no campo da seguridade de rede.  

David Soler expuxo o traballo “Privacidade na distribución clásica de claves cuánticas mediante zk-SNARKs”, no que se presenta un protocolo para distribuír de maneira privada material de clave de alta entropía xerado por QRNG a usuarios finais. A inclusión da ferramenta criptográfica zk-SNARK permite ocultar ao servidor a identidade dos clientes, de forma que non saiba quen recibe cada clave.