CITIC

Salvador Naya, relator do University Busines Forum en Lisboa

18/02/2019

Os días 14 e 15 de febreiro tivo lugar en Lisboa  University Business Forum, un evento organizado pola Dirección Xeral de Educación e Cultura (DG EAC) da Comisión Europea, o Consello de Reitores de Universidades Portuguesas (CRUP) e a Universidade de Lisboa.

Baixo o título “Cooperación Universidade-Empresa: unha combinación eficiente para a innovación e o desenvolvemento inclusivo”, o evento mostrou como a cooperación empresarial e universitaria pode ser un gran apoio no desenvolvemento de cidades e territorios intelixentes e sostibles. O encontro reuniu a académicos, líderes de empresas innovadoras e funcionarios e axencias gobernamentais de diferentes países europeos.

O vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC e presidente do Comité de Dirección do CITIC, Salvador Naya, participou nunha mesa redonda na que se discutiron os próximos pasos a seguir para fomentar a cooperación universidade-empresa nos ámbitos da innovación e o desenvolvemento inclusivo. Naya presentou como caso de éxito o programa INTALENT UDC-INDITEX. Acompañárono na súa conferencia os investigadores do programa Elena Pazos e José Antonio Cortés, que falaron da súa experiencia como beneficiarios do mesmo.