Ábrese a segunda convocatoria de adscrición ao CITIC
24/04/2019
Este venres, 26 de abril, ábrese a segunda convocatoria de adscrición ao CITIC, convocatoria que permanecerá aberta ata o 8 de maio de 2019.
Nesta ocasión poderán adscribirse os/as investigadores/as que, ademais de cumprir os requisitos de avaliación sinalados na normativa interna de adscrición, acrediten que a/as liña/s de investigación que están a desenvolver, así como a súa produción científica, atópanse no ámbito das TIC. O Comité de Dirección, ou comisión na que delegue, será o encargado de valorar o encaixe das devanditas liñas coa Axenda Estratéxica de Investigación do centro, e de comunicar, no caso de aceptación, a nova condición como membro do CITIC.
Todos os membros do CITIC deberán cumprir co regulamento vixente.
As condicións e o procedemento para solicitar o alta no CITIC son as seguintes:
Membros permanentes e non permanentes (ver apartado 2 da normativa): son o persoal investigador doutor funcionario ou laboral fixo da UDC e o persoal doutor con relación contractual coa UDC respectivamente. Estes membros serán validados no momento da solicitude en función dos criterios establecidos na normativa, isto é:
- Membros permanentes: Calificación A, B, ou C da extinta ANEP ou sexenio de investigación activo.
- Membros non permanentes: Profesor/a axudante doutor/a e doutores contratados a cargo de programas competitivos (RyC, JdC…). Non é necesaria acreditación ao estar recentemente avaliados.
- Membros non permanentes: Profesor asociado, CIS investigador asociado. Acreditación A, B ou C da extinta ANEP ou acreditación equivalente (Ax. doutor, contratado doutor) obtida nos últimos cinco anos.
Tanto os membros permanentes como os non permanentes deberán cubrir o seguinte formulario online.
Unha vez cuberto o/a investigador/a recibirá un email de confirmación, que deberá imprimir e asinar electrónicamente e envialo a adscricion@citic-research.org antes do peche da convocatoria xunto con:
- Curriculum Vitae Abreviado (que conteña un resumo executivo orientado a que o Comité de Dirección poida valorar a adecuación da súa pertenza ao centro segundo os méritos de investigación).
- Avaliación da extinta ANEP e/ou sexenio activo.
Unha vez aceptado como membro do CITIC, o/a investigador/a permanente ou non permanente poderá dar de alta no centro ao seu persoal en formación e tecnólogos/as (ver apartado 2 da normativa), seguindo as instrucións que no seu momento lle facilite o persoal do centro.
As dúbidas de carácter xeral sobre o proceso de adscrición ou incidencias que puidesen xurdir serán respostadas nos teléfonos 881015533 (Beatriz Botana) e 881015503 (María Montero).