CITIC

Susana Ladra e Amparo Alonso participan nun seminario da UIMP sobre a configuración algorítmica das sociedades

15/09/2020 – CITIC

As investigadoras do CITIC Susana Ladra e Amparo Alonso participan no seminario “Escola Internacional da Tecnoloxía, Sociedade e Cultura. Explorando o futuro desde as humanidades dixitais. Culturas algorítmicas”. O curso está organizado pola Universidade Internacional Méndez Pelayo (UIMP) en colaboración co Campus Innova da UDC, TransUMA da Universidade de Málaga e Humanidades Digitales Hispánicas (HDH).

O curso, que ten lugar do 14 ao 18 de setembro de forma online, trata de suscitar unha reflexión crítica sobre o papel que os algoritmos desempeñan na conformación do mundo contemporáneo abordando as diversas dimensións nas que estes fan explícita a súa capacidade de transformación social.

As investigadoras do CITIC participan no seminario xunto con outros relatoes procedentes de institucións como a CONICET da Universidade de Bos Aires, a Fundación Vasca da Ciencia, a UC Berkeley e a Universidade de Western Ontario, entre outras.

Cómpre destacar que Amparo Alonso, ademais de investigadora do CITIC, é catedrática de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da UDC e presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA). Pola súa banda, Susana Ladra é directora do Campus Innova da UDC e coordinadora do proxecto BIRDS financiado polo programa de financiamento de I+D da UE Horizonte 2020.

Máis información sobre o seminario