CITIC

Susana Ladra impartirá mañá a charla científica "Big Data e Xenómica" no IES Illa de Ons

24/05/2023 - CITIC

O 25 de maio ás 11:55 h, Susana Ladra, investigadora do CITIC, directora do Campus Innova e profesora da UDC, impartirá a primeira charla do IV Ciclo de Conferencias “Aida Fernández Ríos”, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias. Susana Ladrá falará sobre “Big Data e Xenómica” ao alumnado de 4º a ESO do IES Illa de Ons de Bueu. Explicará aos escolares como sobrevivir ante a avalancha de datos e como se poden analizar e utilizar para avanzar no coñecemento das especies ou enfermidades.

O Ciclo de Conferencia “Aida Fernández Ríos” xurdiu no ano 2020 como homenaxe a esta investigadora, bióloga, oceanógrafa e académica que faleceu en 2015. A súa principal finalidade é difundir a ciencia e a tecnoloxía e espertar o interese do público por temas de actualidade científica con repercusións directas na sociedade, ao tempo que contribúen á educación e formación en igualdade, visibilizando a grandes referentes femininas do ámbito STEAM.