CITIC

Tecnoloxía inclusiva no Cullerciencia da man do CITIC

10/06/2024 - CITIC

O Paseo Marítimo do Burgo acolleu o sábado 8 de xuño a sexta edición de Cullerciencia, un evento dedicado á divulgación científica e á innovación tecnolóxica, que contou coa participación do CITIC da UDC. O centro ofreceu un amplo programa de actividades deseñadas para mostrar como a tecnoloxía accesible pode mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade. 

Os investigadores María del Carmen Miranda Duro, Manuel Lagos Rodríguez, Iago Fernández Garrido, Patricia Concheiro Moscoso, Paula de Santos, Raúl Martínez Díaz, Francisco Rodríguez Alvarado, Adrián Parga e Jorge Rivadulla ensinaron diversas tecnoloxías adaptadas para persoas con discapacidade intelectual e física a través da actividade “Tecnoloxías inclusivas”. Así, fixeron demostracións de realidade virtual con xogos para o desenvolvemento de habilidades cognitivas, adaptación do xogo Mario Kart para ser manexado a través do tronco ou a cabeza, xogos personalizados para o ámbito das persoas con discapacidade, un piano musical adaptado, un balancín adaptado e unha demostración de pintura con produtos de apoio de cabeza. 

O investigador Manuel Lagos apuntou que “o que se está presentando hoxe son actividades dirixidas a mellorar diferentes habilidades a nivel cognitivo ou físico en persoas con discapacidade”. Pola súa banda, no taller “Ciencia con magnetismo”, Paula Castro Castro e Adriana Dapena Janeiro exploraron principios científicos de maneira práctica e divertida. Tal e como apuntou Dapena “búscase achegar a todo o público os resultados de proxectos de investigación realizados no CITIC a través da experimentación”. Xabier Pérez Couto ofreceu unha experiencia inmersiva cunhas lentes de realidade virtual para visualizar e manipular diferentes obxectos astronómicos estudados pola misión Gaia en “Misión espacial Gaia”.  

O programa CITIC-Talentos Inclusivos ten como obxectivo principal demostrar como a ciencia e a tecnoloxía poden ser ferramentas poderosas para a inclusión, proporcionando solucións innovadoras e accesibles que melloren a vida das persoas con discapacidade. A iniciativa reflicte o compromiso do CITIC coa investigación inclusiva e a integración social a través da tecnoloxía. En resumo, en palabras do subdirector do CITIC, Javier Pereira, “é moi importante dar esa difusión á tecnoloxía no seu lado máis humano”.