CITIC

Thais Pousada imparte charlas divulgativas sobre diversidade funcional en centros educativos

27/04/2021 – CITIC

A investigadora do CITIC Thais Pousada ofreceu diferentes charlas en centros educativos para expoñer as necesidades ás que se ven sometidas as persoas con diversidade funcional na súa vida diaria, presentando os produtos tecnolóxicos que axudan a mellorar a súa calidade de vida e centrándose no potencial que teñen as impresoras 3D nesta área.

Deste xeito, Pousada participou na campaña de Divulgación Científica da UDC, a través da impartición de dúas charlas sobre a impresión 3D para a elaboración de produtos de apoio. Estes proxectos de investigación, levados a cabo no CITIC, presentáronse aos estudantes de 4º de ESO e do ciclo formativo de Instalacións de Telecomunicacións do IES Perdouro de Burela. A investigadora abordou, por unha banda, as características dos produtos de apoio e as súas potencialidades para mellorar a independencia das persoas con diversidade funcional e, por outra banda, os diferentes recursos, ideas e posibilidades de utilizar as súas impresoras 3D para o deseño e produción de produtos de apoio, así como a posible colaboración de entidades sociais da zona para desenvolver un proxecto comunitario nesta liña.

Ademais, a investigadora impartiu unha charla de sensibilización sobre diversidade funcional ao alumnado de 5º curso de educación primaria do C.E.I.P. Sagrada Familia da Coruña. Os nenos e nenas van participar nun proxecto piloto de prácticas do programa Espazo Compartido da UDC, programa do que Thais Pousada é directora. Ademais de expoñer proxectos para desenvolver en favor das persoas con diversidade funcional e o potencial que teñen as impresoras 3D nesta área, tamén lles presentou diferentes produtos de apoio que utilizan as persoas con diversidade funcional na súa vida diaria.