CITIC
Nelly Condori

Un artigo sobre tecnoloxía persuasiva da investigadora Nelly Condori recibe un recoñecemento especial na CibSE 2022

12/07/2022 – CITIC

Un artigo da nosa investigadora Nelly Condori foi recoñecido como Distinguished Paper como resultado da súa participación no XXV Ibero-American Conference on Software Engineering (CIbSE 2022), celebrado do 13 ao 17 de xuño en Arxentina. 

No seu traballo Extending the Sustainability-Quality Model for supporting the design of Persuasive Software Systems, realizado en colaboración con Marcela Quispe-Cruz da Universidade de Arequipa (Perú), as investigadoras rescatan o concepto de tecnoloxía persuasiva para darlle un novo enfoque. A tecnoloxía persuasiva céntrase no deseño, investigación e análise de sistemas software que influencian no cambio de actitudes ou comportamentos das persoas. A tecnoloxía persuasiva, aínda que tivo os seus inicios na área do márketing, hoxe en día pode ser utilizada como promotora dun comportamento sostible. Por exemplo, aumentar a conciencia dos consumidores sobre o consumo de enerxía, ou axudar a adquirir bos hábitos de alimentación. Co fin de poder incrementar a efectividade deste tipo de sistemas, neste traballo as investigadoras propuxeron estender un modelo de calidade cunha serie de características específicas que favorecen a persuasión e a sustentabilidade.

CIbSE é o principal foro de investigación sobre Enxeñería do Software en Iberoamérica. O obxectivo principal desta conferencia é promover a investigación científica de alta calidade nos países iberoamericanos e, por tanto, apoiar aos investigadores desta comunidade na publicación e discusión do seu traballo. Ademais, a conferencia fomenta a colaboración entre académicos, estudantes e profesionais da industria.