CITIC
JENUI4

Un obradoiro sobre investigación educativa celebrado no CITIC dá paso ás Xornadas sobre a Ensinanza Universitaria da Informática

05/07/2022 – CITIC

Este martes 5 de xullo o CITIC acolleu un taller práctico sobre investigación educativa, que deu paso ás XXVIII Xornadas sobre a Ensinanza Universitaria da Informática (JENUI 2022). Durante este mércores, xoves e venres, máis dun centenar de profesores/as e investigadores/as daranse cita na Facultade de Informática da UDC no único congreso español sobre ensinanza universitaria de Informática, que se constitúe como un foro para o contacto e intercambio de coñecementos entre profesorado universitario, estudantes e persoal investigador en Informática.

Na xornada previa, celebrouse no CITIC o taller práctico “De que falamos cando falamos de investigación en educación universitaria da Informática”, a cargo do profesor da Universitat Politècnica de Catalunya David López Álvarez. O obradoiro centrouse en como deseñar unha investigación en educación, desde o seu esbozo ata a súa publicación, para proporcionar unha metodoloxía nesta área tanto de forma xeral como da Informática en particular.

As xornadas están promovidas pola Asociación de Ensinantes Universitarios da Informática (AENUI) e organizadas polo Campus Innova e a Facultade de Informática da UDC. O comité organizador está constituído por membros do CITIC, liderados por Adriana Dapena Janeiro e José Ramón Paramá Gabía.

O obxectivo das JENUI é promover o contacto, o intercambio e a discusión de coñecementos e experiencias entre profesorado universitario de Informática e grupos de investigación, debater sobre o contido dos programas e os métodos pedagóxicos empregados, así como materializar un foro de debate no que presentar temas e enfoques innovadores orientados a mellorar a docencia da Informática nas universidades.