Universidade da Coruña e Instituto Tecnológico de Galicia crean a Cátedra ITG-CITIC en Tecnoloxías de Aeronaves non Tripuladas
22/07/2021 – CITIC
O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o director Xeral o Instituto Tecnológico de Galicia (ITG), Carlos Calvo, asinaron recentemente o convenio de creación da Cátedra ITG-CITIC en Tecnoloxías de Aeronaves non Tripuladas. Mediante esta Cátedra o CITIC e o ITG colaborarán en proxectos de investigación en tecnoloxías relacionadas coas aeronaves non tripuladas. Ademais traballarán noutros aspectos como a xeración de prácticas curriculares de alumnado da UDC na empresa.
O investigador do CITIC Marcos Ortega será o director desta Cátedra que está enfocada, segundo explica Ortega, “cara ao posicionamento conxunto entre a Universidade e o ITG como referentes no desenvolvemento de tecnoloxía en materia de aeronaves non tripuladas”. A Cátedra establece un marco de traballo onde as diferentes áreas de investigación do CITIC de interese neste eido, como son a visión artificial, sensórica, ou xeolocalización, entre outras poden realizar as súas investigacións en consonancia coa demanda das necesidades reais do sector en colaboración co ITG, dando como froito resultados de alta innovación e impacto, segundo avanza o director da Cátedra.
Ademais, fomentarase o coñecemento deste campo entre o alumnado da Universidade tanto de grao como de posgrao para impulsalos cara unha especialización e profesionalización no sector dos drons, reforzando a presencia de talento no sector.