CITIC

Workshop AIEER no ECAI Santiago: Innovación en IA aplicada á educación

30/10/2024 - CITIC

No marco da 27th European Conference on Artificial Intelligence (ECAI), celebrouse recentemente o International Workshop on AI in Education and Educational Research (AIEER), organizado por Francisco Bellas e Óscar Fontenla, investigadores do CITIC da Universidade da Coruña. Este evento reuniu a expertos de distintos campos da intelixencia artificial (IA) aplicada á educación, con relatores tanto de áreas técnicas como de ciencias sociais, e permitiu o intercambio de ideas nun sector chave en plena expansión.

Durante o workshop, presentáronse un total de 16 relatorios que abarcaron temas de vangarda como a creación de sistemas de tutorización intelixente, o impacto dos modelos de linguaxe (LLMs) na educación, o desenvolvemento de currículos específicos para a Formación Profesional e a implementación de sistemas automáticos de corrección. A audiencia tamén tivo a oportunidade de asistir á charla plenaria do profesor Wayne Holmes, da UCL, quen ofreceu unha visión crítica e reflexiva sobre o rol da intelixencia artificial na educación, espertando un vivo interese entre as persoas asistentes.

Un dos momentos destacados do evento foi a presentación do investigador pre-doutoral do CITIC, Antonio Leis, quen expuxo o seu traballo titulado Personalized Learning of Programming Fundamentals through Robotic Simulations. Este traballo enmárcase no proxecto TED2021-131172B-I00 (ProgTutor), unha iniciativa innovadora do CITIC orientada a facilitar a aprendizaxe da programación a través de simulacións robóticas. O proxecto, en desenvolvemento desde hai un ano, foi probado nun colexio público durante o ano 2024, mostrando prometedores resultados na personalización da aprendizaxe dos fundamentos da programación.

A organización do workshop AIEER subliña o compromiso do CITIC e dos seus investigadores en impulsar a aplicación da intelixencia artificial no ámbito educativo, fomentando unha visión crítica e á vez práctica das ferramentas dixitais e os seus beneficios para a formación do futuro.