CITIC

Xornada "Oportunidades de Cascade Funding para investigadores"

04/07/2019

O CITIC acollerá o próximo venres 12 de xullo a xornada formativa “Oportunidades de Cascade Funding para investigadores”, organizada polo Campus Innova da Universidade da Coruña. A xornada está destinada aos investigadores da UDC, e daranse a coñecer as posibilidades que ofrecen as convocatorias de Cascade Funding para o financiamento de proxectos.

Tras a celebración da xornada, enviarase aos participantes un cuestionario, elaborado con base no formato de Project Scope, para identificar ideas de proxecto que poidan ser susceptibles de encaixar coas convocatorias Cascade Funding. En función da devandita información, seleccionaranse os catro grupos máis prometedores para a captación de financiamento e prestaráselles un asesoramento personalizado. Para iso, nos meses de setembro e outubro, levaranse a cabo reunións individuais, dunha hora de duración, orientadas a coñecer en detalle que proxectos están a desenvolver e que oportunidades de financiamento habería dispoñibles para eles. Como conclusión ás sesións, entregarase a cada un dos grupos de investigación un informe de posibilidades de financiamento vía Cascade Funding para os seus proxectos ou futuros topics con orientación Cascade Funding nos que poder posicionarse.

A xornada será impartida por Funding Box, a compañía líder en Cascade Funding que, a través de Econet, apoiou desde hai máis de 25 anos a entidades públicas e privadas á hora de obter fondos públicos europeos para os seus clientes. Actualmente está presente en 19 proxectos H2020, seis deles como coordinador.

 

Programa da xornada:

09:45 h – Recepción de asistentes

10:00 h – Introdución ás oportunidades de H2020 para investigadores: Convocatorias ordinarias

10:30 h – Introdución ás oportunidades vía Cascade Funding: Que é? Como funciona? Que proxectos e programas están a financiar? Onde atopar esas oportunidades?

11:00 h – Presentación das principais áreas de financiamento vía Cascade Funding: I4 MS, SAE, NGI, Robótica, Fotónica, Big Data, etc.

12:00 h – Pausa café

12:30 h – Presentación de oportunidades de financiamento para investigadores en proxectos Funding Box: Tetramax, DIH2, RIMA, AI4 EU

13:30 h – Preparación de propostas: Proceso de presentación de candidaturas e avaliación

14:30 h – Fin da xornada

 

Para participar na xornada é necesario inscribirse enviando os datos de contacto a oficina.innova@udc.gal antes do 9 de xullo.