A Cátedra Inditex-UDC impulsa tres programas de formación en intelixencia artificial sustentable
- O programa, que se desenvolverá no CITIC da UDC, inclúe un Curso de Experto e dúas microcredenciais en algoritmos verdes, un perfil cada vez máis demandado polas empresas para desenvolver aplicacións de IA máis eficientes e sustentables.
- O prazo de preinscrición permanecerá aberto ata este venres, 10 de xullo, para o curso e unha das microcredenciais e ata o 15 para a outra.
A Coruña, 07 de xullo de 2026.- A Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes abriu o prazo de preinscrición da nova edición do seu programa formativo, integrado por un Curso de Experto en IA e Algoritmos Verdes e dúas microcredenciais universitarias centradas no deseño, a implementación e as aplicacións prácticas de algoritmos verdes para a intelixencia artificial.
A iniciativa ofrece unha formación especializada nun dos ámbitos con maior proxección dentro do sector tecnolóxico, onde a crecente implantación da intelixencia artificial está impulsando a demanda de profesionais capaces de desenvolver modelos máis eficientes desde o punto de vista computacional e enerxético, contribuíndo así a unha IA máis sustentable.
A oferta está dirixida tanto a estudantes e titulados que desexen orientar a súa carreira cara a un campo con amplas oportunidades laborais como a profesionais que busquen actualizar as súas competencias e incorporar coñecementos sobre sustentabilidade e eficiencia no desenvolvemento de solucións baseadas en intelixencia artificial.
Cun enfoque eminentemente práctico, o programa aborda contidos relacionados coa aprendizaxe automática eficiente, o deseño sustentable de modelos de IA, a análise de datos, o procesamento da linguaxe natural, a visión por computador e as aplicacións da IA verde na Industria 4.0 e 5.0.
A nova edición inclúe tres accións formativas:
- Curso de Experto en IA e Algoritmos Verdes, de 25 créditos ECTS, que se impartirá entre outubro de 2026 e febreiro de 2027 en modalidade presencial no CITIC da UDC.
- Microcredencial “Algoritmos Verdes para a IA: Aplicacións Prácticas”, tamén de 6 créditos, que se desenvolverá entre novembro e decembro de 2026 en modalidade virtual.
- Microcredencial “Algoritmos Verdes para a IA: Deseño e Implementación”, de 6 créditos ECTS, que terá lugar entre setembro e outubro de 2026 en modalidade híbrida.
O prazo de preinscrición permanecerá aberto ata o 10 de xullo para o Curso de Experto e a microcredencial “Aplicacións Prácticas”, e ata o 15 de xullo para a microcredencial “Deseño e Implementación”.
Con esta nova edición, a Cátedra Inditex-UDC reforza o seu compromiso coa formación de profesionais capaces de liderar o desenvolvemento de tecnoloxías de intelixencia artificial máis eficientes e sustentables, contribuíndo á transición cara a un modelo tecnolóxico responsable e aliñado cos retos ambientais e industriais actuais.
Toda a información sobre a inscrición, programa e matrícula está dispoñible na páxina web da Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes.
Sobre a Cátedra
A Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes, creada en 2023 pola Universidade da Coruña e Inditex, ten como misión impulsar a investigación, a formación e a transferencia de coñecemento en intelixencia artificial aplicada á sustentabilidade.
Entre os seus obxectivos destacan o desenvolvemento de programas formativos, a promoción da innovación e da cooperación público-privada, a valorización dos resultados da investigación e a difusión científica.
A Cátedra conta con financiamento público competitivo do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, a través das Axudas Cátedras ENIA, financiadas con fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, así como con financiamento privado do Grupo Inditex.
Esta iniciativa susténtase na sólida traxectoria da Universidade da Coruña no ámbito da intelixencia artificial, consolidada desde finais dos anos oitenta e reforzada coa creación do CITIC, e no compromiso de Inditex coa innovación e a sustentabilidade, reflectido nos seus obxectivos ambientais de alcanzar as emisións netas cero en 2040.
Sobre o CITIC
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) é un centro de investigación da Universidade da Coruña creado en 2008 para impulsar o avance e a excelencia na I+D+i aplicada ás tecnoloxías da información e as comunicacións.
A súa actividade científica estrutúrase en catro grandes áreas de investigación: Intelixencia Artificial, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes, ademais dunha liña transversal dedicada á Ciberseguridade.
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e forma parte da Rede CIGUS para o período 2024-2027, recoñecemento que avala a calidade e o impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do centro está cofinanciada pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea, a través do Programa FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo de promover unha Europa máis intelixente mediante unha transformación económica innovadora e intelixente (ED431G 2023/01).